Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

Saúda

Dende a Federación Galega de Balonmán temos claro que Galicia representa unha gran potencia balonmanística tanto en número de licenzas coma na calidade dos diferentes estamentos que conforman o Balonmán Galego; estamos seguros de que neste segundo mandato a imaxe e promoción do noso deporte vai adquirir unha relevancia aínda maior.

Durante os primeiros catro anos, a Federación Galega de Balonmán puxo en marcha un proxecto para fortalecer a súa identidade corporativa e consolidar unha estrutura estable que garantise un incremento do número de practicantes nas catro provincias, poñendo especial atención aos lugares que xeograficamente se atopan mais illados. A pandemia da Covid 19 marcou un punto de inflexión na evolución do Balonmán Galego, as iniciativas pioneiras, a unión entre clubs e a persistencia por manter a actividade, fixeron que Galicia se situase á cabeza da xestión deportiva neste eido.

A formación de técnicos/as deportivos e a dignificación da súa profesión está dentro das metas da nova xunta directiva, ao igual que o incremento do plantel arbitral e continuidade dunha escola de formación que se adapte aos diferentes niveis chegando a todos os estamentos e puntos de Galicia, debemos romper coas barreiras xeográficas e apostar pola profesionalización das estruturas

A recuperación do deporte base nas escolas é vital para o futuro do balonmán galego, o conseguir que nos recreos haxa balóns de balonmán e nas clases de educación física se presente o noso deporte é fundamental para que os clubs gocen de boa saúde deportiva, para que os nenos e nenas se animen a desfrutar dun deporte de equipo moi atractivo e para que o público xeral perciba a forza do balonmán.

Por último, remato estas palabras de saúdo agradecendo o traballo a toda esa xente que nalgún momento formou, forma ou formará parte do Balonmán Galego, en calquera dos seus estamentos; para ter un bó futuro é importante ter clara a nosa historia. Actualmente afrontamos o reto de mellorar o Balonmán Galego cun grupo de xente que atesoura moitas gañas e unha gran capacidade de traballo, cumplindo sempre as premisas de igualdade, transparencia e proactividade.

Bruno López Molina
Presidente FGBalonmán