Hoxe tivo lugar no Concello de Camariñas a presentación das fases finais da provincia da Coruña alevín e benxamín de balonmán 5 e a Fase Final Galega de Segunda División Infantil feminina, que se celebrarán do 24 ao 26 de maio en Camariñas. Nestes tres días de competición pasarán polo pavillón de Camariñas uns 400 rapaces e rapazas.
No acto estiveron presentes a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua; o concelleiro de Deportes, José Manuel Canosa; en representación da Federación Galega de Balonmán os directivos Borja Tajes e Jesús Varela e o presidente do Balonmán Camariñas, Andrés Cerdeiras.
A alcaldesa destacou que Camariñas acollera unha gran festa do balonmán galego de base, mentres que Borja Tajes manifestou «o agradecemento ao club Balonmán Camariñas, polo ímpeto que puxo para traer este torneo a Camariñas”.
Para a disputa destes torneos utilizaranse as dous pistas do Pavillón Municipal de Camariñas. A Fase Final Galega de Segunda División Infantil Feminina comezará o venres e contará con tres xornadas de xogo, coa participación de BM Camariñas, BM Chapela, BM Culleredo e Mecalia Atlético Guardés A. O gañador terá dereito a organizar unha das sedes de play off, que se celebrarán en setembro, e que darán opción ao ascenso á División de Honra.
A Fase Provincial Alevín mixta de Balonmán 5 celebrarase o sábado con 12 equipos, mentres que a fase benxamín terá lugar o domingo tamén con 12 participantes. Os campións representarán á provincia da Coruña na fase final do Campionato Galego, que se celebrará o día 1 de xuño.
Debes ser identificado introducir un comentario.