A Federación Galega de Balonmán, a través do programa #Xogabalonmán na escola, “entrará” en máis de 120 centros escolares da provincia de Pontevedra. O obxectivo fundamental desta actuación é dar a coñecer o balonmán a máis de 3.500 alumnos/as de cuarto de Primaria.
O programa, realizado en colaboración coa Secretaría Xeral para o Deporte, comezará a vindeira semana e desenvolverase ao longo de algo máis dun mes. A Federación realizará unha unidade didáctica, formada por 5 sesións, que se impartirá en horario lectivo e que permitirá aos alumnos/as achegarse ao noso deporte dunha forma lúdica e divertida. A última sesión consistirá nunha competición entre os centros, que seguro que fará as delicias dos rapaces e rapazas.
Para levar adiante este ambicioso proxecto, a Federación contará coa colaboración de 20 clubs (Balonmán Arousa, Bueu Atlético, Balonmán Cañiza, AD Carballal, Chapela, As Choqueiras de Redondela, Cisne, Atlético Guardés, UB Lavadores, Luceros, Asmubal Meaño, Moaña, Atlético Novás, BM Porriño, Rasoeiro, Samertolameu, BM Sanxenxo, Seis do Nadal, Teucro e BM Tui), que aportarán monitores para chegar a todos estes centros escolares de Vigo, Val Miñor, Paradanta, Morrazo, Salnés, A Estrada e Pontevedra. Nos días previos ao comezo da actividade, os monitores e monitoras están a realizar unha formación para levar a mesma unidade didáctica a todos os centros.
O presidente en funcións da Federación Galega de Balonmán, Bruno López, agradeceu a posibilidade brindada pola Secretaría Xeral para o Deporte, a través do xefe provincial de Deportes de Pontevedra, Daniel Benavides. “É para nós unha gran oportunidade para achegar o balonmán a todos estes pequenos, e que poidan descubrir os seus valores, porque o balonmán é un deporte que, cando o coñeces, engancha”, manifestou.
#Xogabalonmán na escola é unha actuación máis das que está a realizar a Federación Galega de Balonmán para promocionar o noso deporte entre os máis cativos, algo que tamén se está facendo actualmente na Costa da Morte.
Debes ser identificado introducir un comentario.