A FASE FINAL DA SUPERCOPA GALICIA 2024 A PIQUES DE DAR O PISTOLETAZO DE SAÍDA

Este domingo, 25 de agosto, celebrarase a Supercopa Galicia 2024 con emocionantes enfrontamentos entre o Mecalia Atlético Guardés e o Conservas Orbe Zedal Bm Porriño na categoría feminina, e o Frigoríficos do Morrazo Bm Cangas contra o Valinox Novás na masculina.

Esta fin de semana, o pavillón municipal de A Sangriña, en A Guarda, será o epicentro do balonmán galego coa disputa da Supercopa Galicia 2024. A xornada promete ser unha auténtica festa do deporte, onde os mellores equipos medirán as súas forzas nun evento cargado de emoción.

O primeiro prato será o partido masculino, que dará comezo ás 17:00 horas. Neste duelo, o Firigoríficos do Morrazo Bm Cangas enfrontarase ao Valinox Novás, que chega á Supercopa tras unha vitoria nunha disputada eliminatoria previa contra o Club Cisne Colegio Los Sauces. O encontro, celebrado a semana pasada, resolveu cun axustado 27 – 23 a favor do equipo rosaleiro, asegurando así a súa presenza neste importante evento. A expectación é alta, xa que ambos equipos buscarán facerse co primeiro trofeo da tempada, revalidará título o Balonmán Cangas ou conseguirá o Valinox Novás facerse co ansiado título?

Ás 19:00 horas, será a quenda do balonmán feminino, cun enfrontamento que promete ser épico: Mecalia Atlético Guardés contra Conservas Orbe Zedal Bm Porriño. Este derbi, que enfronta aos dous equipos galegos da Liga Guerreras Iberdrola, marca o primeiro duelo oficial da tempada. Este enfrontamento é coñecido pola intensidade e a paixón coa que ambos equipos o afrontan, e é un evento que nunca deixa indiferente a ninguén. O partido servirá tamén como unha excelente preparación para ambos conxuntos de cara á tempada regular, que comezará o vindeiro fin de semana, coa posibilidade de medir forzas e establecer rivalidades dende o principio.

As entradas para este emocionante evento xa están dispoñibles a través desta ligazón. Cabe destacar que os nacidos en 2009 e anos posteriores poderán acceder de maneira gratuíta, mentres que o resto do público poderá adquirir a súa entrada por 10€, máis os correspondentes gastos de xestión. Este é un evento ideal para desfrutar en familia e apoiar aos equipos galegos no seu camiño cara ao éxito.

Ademais, os medios de comunicación que desexen cubrir o evento poden solicitar a súa acreditación de prensa a través da seguinte ligazón.

A Federación Galega de Balonmán anima a todos os afeccionados a asistir e desfrutar dunha xornada única que promete balonmán do máis alto nivel. Coa Supercopa Galicia 2024, dáse o pistoletazo de saída a unha nova tempada chea de retos e emocións para o balonmán galego.

Non perdas a oportunidade de presenciar en directo estes apaixoantes enfrontamentos e apoiar aos nosos equipos neste inicio de tempada.

Agardámoste na Sangriña para vivir unha xornada inesquecible!