COMUNICADO OFICIAL

O BALONMÁN GALEGO EN CONTRA DA VIOLENCIA EN CALQUERA ÁMBITO E EN CALQUERA DAS SÚAS FORMAS

A Federación Galega de Balonmán, en representación de todo o balonmán galego, condena enerxicamente os lamentables actos de violencia acontecidos durante o partido de categoría cadete feminina celebrado no día de hoxe en Sanxenxo, entre o Sanxenxo Balonmán e o Rasoeiro.  

Manifestamos a nosa absoluta repulsa pola agresión sufrida por un familiar do colexiado, quen co único propósito de defender o respecto cara ao árbitro e o xogo, resultou gravemente ferido. Este tipo de comportamentos non teñen cabida nin nas nosas pistas nin na nosa sociedade.  

Desde esta Federación Galega de Balonmán reiteramos o noso compromiso cos valores de respecto, deportividade e convivencia que deben rexer en todas as categorías do noso deporte, especialmente no balonmán base, onde os rapaces e as rapazas deportistas deben ser a única prioridade.  

Queremos transmitir o noso apoio e solidariedade á familia e achegados de Andrés nestes momentos tan delicados, cos que seguiremos en contacto para ofrecer toda a axuda que se atope ao noso alcance. Por suposto, queremos agradecer a implicación e a rápida reacción do Sanxenxo Balonmán e o Rasoeiro; e instamos a todos os clubs, adestradores/as, xogadores/as e afeccionados/as a traballar xuntos/as para erradicar calquera tipo de violencia das bancadas e das pistas de balonmán.  

Reiteramos que adoptaremos as medidas oportunas en colaboración cos organismos competentes para esclarecer o sucedido e tomar as accións necesarias para que situacións coma esta non se repitan. 

A Federación Galega de Balonmán convocará de urxencia a todos os clubs de Galicia a unha reunión mañá luns ás 20:00 horas, co único obxectivo de adoptar dende xa mesmo, medidas que axuden a concienciar ás persoas que acoden aos pavillóns de que ningún tipo de violencia ten cabida no noso deporte, #ASINON.

O balonmán é un deporte que une, educa e forma, e non permitiremos que episodios de violencia o ensombrezan.  

Por un balonmán libre de violencia.

#AsíNon

Federación Galega de Balonmán