Un ano máis, o circuíto de balonmán na rúa volve á provincia da Coruña para achegar deporte e diversión ás vilas participantes.
Hoxe venres ás 16:45h tivo lugar en Santa Comba a presentación oficial da Copa 5×5 de Balonmán na Rúa Deputación da Coruña 2025, un proxecto que cumpre a súa terceira edición consolidado como referente de promoción do deporte base e do balonmán na provincia.
No acto estiveron presentes Antonio Leira, Deputado de Deportes da Deputación da Coruña; Noelia Baleato, Tenente de Alcalde do Concello de Santa Comba; Pablo Negreira, Concelleiro de Obras e Servizos do Concello de Santa Comba; Elisa Capelo, Técnica Municipal de Deportes do Concello de Santa Comba; Miguel Ángel Leis, Alcalde do Concello de Negreira; María del Mar García, Concelleira de Deportes do Concello de Negreira; e José Ibán Santalla, Concelleiro de Deportes do Concello de Narón.
Este 2025 repiten como sedes Negreira e Cedeira, protagonistas tamén na edición 2024. Ademais, haberá competición en Narón, Santiago de Compostela, Carnota e Noia, completando así sete sedes no calendario.
A Copa 5×5 conta tamén cun ambiente festivo en cada xornada, con música, animación e sorteos ao longo de todo o día, facendo deste evento deportivo unha auténtica celebración para xogadores, familias e afección.
A Copa 5×5 de Balonmán na Rúa está dirixida a equipos mixtos das categorías alevín e benxamín, e ademais da vertente competitiva, busca atraer novos/as practicantes ao balonmán, visibilizar este deporte e dinamizar social e culturalmente as vilas participantes.
As datas e sedes confirmadas para esta edición son as seguintes:
- Santa Comba: 19 – 21 de setembro
- Negreira: 3 – 5 de outubro
- Narón: 17 – 19 de outubro
- Santiago de Compostela: 24 – 26 de outubro
- Carnota: 31 de outubro – 2 de novembro
- Cedeira: 7 – 9 de novembro
- Noia: 14 – 16 de novembro
Un calendario que permitirá gozar do balonmán e da súa esencia máis próxima, nas rúas e prazas, con partidos cheos de emoción e coa oportunidade de fomentar a práctica deportiva entre a mocidade.
A Federación Galega de Balonmán, xunto coa Deputación da Coruña e os concellos participantes, aposta así por un proxecto que une deporte, convivencia e festa, facendo que o balonmán saia das pistas tradicionais e conquiste de novo as rúas.
Para rematar, queremos trasladar novamente, o noso agradecemento á Deputación da Coruña, xa que sen o seu apoio decidido dende o primeiro momento, a Copa 5×5 non tería chegado a tantas prazas da provincia. Este formato innovador é posible grazas á súa aposta firme polo deporte e pola base. Grazas tamén a todos os concellos que conforman esta xira única, que fan que os valores do balonmán cheguen cada día máis lonxe. Moitísimas grazas a todos e vémonos en Santa Comba para dar inicio a esta nova edición da Copa 5×5 de Balonmán na Rúa.












