A estrutura técnica das Seleccións Galegas de Balonmán manterá a liña de traballo para o CESA 2026, baixo a dirección de Luis Montes e Ismael Martínez, responsables das áreas masculina e feminina, respectivamente, e coa coordinación xeral de Rubén González, que continúa de responsable directivo da área técnica da Federación Galega de Balonmán.
O proxecto da área técnica da Federación Galega de Balonmán segue a medrar. Ademais do traballo coas diferentes seleccións galegas, estase a traballar no “Programa de Detección y Desarrollo de Talentos de Balonmano”, un proxecto coordinado por Carla Abad, que reúne a máis de cento vinte nenos e nenas alevíns e infantís de primeiro ano, e de diferentes puntos da xeografía galega; cos que se está a traballar na súa formación e desenvolvemento integral dende o mes de marzo.
A aposta da Federación Galega de Balonmán neste ámbito reflicte o compromiso coa formación e o desenvolvemento do talento galego de base, tanto a nivel deportivo como persoal.
Nesta nova tempada prodúcense dúas baixas nos corpos técnicos:
a de Elena Estévez, que tras varios anos afastada das pistas regresou para dirixir con éxito a selección infantil feminina, á que levou ao segundo posto no CESA 2024 e ao terceiro posto no CESA 2025. Ademais, formou parte da área técnica feminina e da directiva da FGBm durante sete anos, deixando unha fonda pegada sobre todo no trato persoal.
Tamén se despide Danijela Savić, quen formou parte dos corpos técnicos galegos durante varias tempadas, achegando a súa experiencia e profesionalidade, especialmente nas categorías femininas, tanto na infantil como anteriormente na cadete.
A ambas, a Federación Galega de Balonmán quere expresar o seu máis sincero agradecemento pola súa dedicación, compromiso e contribución ao crecemento do noso balonmán.
Corpos técnicos das Seleccións Galegas 2025/2026
As seleccións galegas cadete e infantil afrontarán a súa primeira proba competitiva da tempada no III Torneo Internacional de Balonmán Deputación da Coruña, que servirá como punto de partida e avaliación do traballo desenvolvido nestes primeiros meses de preparación de cara ao Campionato de España de Seleccións Autonómicas (CESA 2026), que se celebrará do 3 ao 8 de xaneiro de 2026.
Varias caras novas se presentan dentro do staff técnico de Galicia: Víctor Garrido (Balonmano Reconquista de Vigo), despois de moitos anos afastado dos combinados galegos, asume o testigo de seleccionador da categoría Infantil Feminina, e estará acompañado de Inés Hernández (Balonman Porriño), que cambiará o posto de delegada do combinado xuvenil feminino polo de adestradora das minigalaicas.
Por outra banda, Alejandra Montenegro (A.D. Carballal), unha das xogadoras máis exemplares dos últimos anos nos combinados galegos, asumirá o reto de ser a delegada da selección xuvenil feminina; ninguén mellor ca ela para transmitir o sentimento e a responsabilidade de vestir as cores de Galicia.
Os corpos técnicos quedarían do seguinte xeito:
INFANTIL FEMININA
- Seleccionador: Víctor Garrido (Balonmano Reconquista de Vigo)
- Adestradora: Inés Hernández (Balonmán Porriño)
- Delegado: Alberto Rodríguez (FGBm)
INFANTIL MASCULINA
- Seleccionador: Adrián Menduíña (Balonmán Luceros)
- Adestrador: Carlos Rodríguez (Atlético Novás)
- Delegada: Lucía Pérez (SAR)
CADETE FEMININA
- Seleccionador: José Luis Predeira “Budi” (FGBm)
- Adestrador: Paco Aguiar (Balonmano Rodeiro)
- Delegada: Andrea Abad (FGBm)
CADETE MASCULINA
- Seleccionadora: Carla Abad (SAR)
- Adestrador: Gerard Conill (Bueu Atlético Balonmán)
- Delegada: Nerea Bouzón (SAR)
XUVENIL FEMININA
- Seleccionador: Ismael Martínez (Balonmán Porriño)
- Adestrador: Anxo Otero (U.B. Lavadores)
- Delegada: Alejandra Montenegro (A.D. Caballal)
XUVENIL MASCULINA
- Seleccionador: Luis Montes (Bueu Atlético Balonmán)
- Adestrador: David Iglesias (Bueu Atlético Balonmán)
- Delegado: Manolo Montes (Bueu Atlético Balonmán)
A Federación Galega de Balonmán quere agradecer a todos os corpos técnicos o seu traballo e compromiso coa formación dos xogadores e xogadoras galegas, nun proxecto que continúa consolidando o crecemento do balonmán galego tanto a nivel deportivo como humano.
Moi pronto publicarase máis información sobre o desenvolvemento do torneo e a actividade das nosas seleccións galegas.









