O PORRIÑO CONVERTERASE ESTA FIN DE SEMANA NA GRAN FESTA DO BALONMÁN BASE GALEGO

O Torneo “O Noso Club” reunirá este domingo a centos de nenos e nenas das categorías benxamín e alevín nunha xornada marcada pola convivencia, a diversión e os valores do deporte.

O Porriño vivirá este domingo 31 de maio unha das grandes citas do balonmán base galego coa celebración do Torneo “O Noso Club”, unha iniciativa impulsada pola Federación Galega de Balonmán xunto á Deputación de Pontevedra, en colaboración co Concello do Porriño, que servirá como peche da tempada 2025/26 para as categorías benxamín e alevín.

A presentación tivo lugar está mañá no Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra e contou coa presencia das seguintes autoridades:

  • D.ª Luisa Sánchez, Deputada de Deportes da Deputación de Pontevedra,
  • D. Alejandro Lorenzo, Alcalde do Concello de O Porriño,
  • D.ª Xisela Aranda, Directora de Deportes da Deputación de Pontevedra,
  • D.ª Carla Abad, Membro da Comisión Xestora da Federación Galega de Balonmán.

A actividade desenvolverase entre as 10:00 e as 18:30 horas na contorna do Pavillón Municipal do Porriño e converterá a vila nun auténtico punto de encontro do balonmán formativo galego. O evento nace cunha filosofía clara: priorizar a convivencia, a participación e a diversión por riba da competición, eliminando marcadores e clasificacións para centrar toda a atención na experiencia dos máis pequenos e pequenas.

En total, preto de 800 deportistas participarán nunha xornada que contará con 165 equipos procedentes das catro provincias galegas, nunha mostra do enorme crecemento e implantación do balonmán base en Galicia. Cada conxunto disputará entre catro e cinco encontros de dous tempos de dez minutos, repartidos en dez pistas de xogo (seis interiores e catro exteriores) que permitirán manter actividade constante durante practicamente toda a xornada.

Máis aló do deportivo, o Torneo “O Noso Club” busca tamén crear unha experiencia pensada para familias, xogadores e afeccionados. A rúa Doantes de Sangue permanecerá pechada ao tráfico para facilitar un ambiente festivo no que haberá música, zonas de sombra, postos de comida e bebida e espazos de lecer para os asistentes. Ademais, a organización habilitará dispensadores de auga nas diferentes zonas de xogo e recomenda aos asistentes acudir preparados para unha intensa xornada de deporte e convivencia.

A clausura do evento terá lugar ás 18:00 horas na pista central, cun acto final no que todos os nenos e nenas participantes recibirán un detalle conmemorativo e se realizará a tradicional foto de familia que porá o broche a unha gran festa do balonmán base galego.

Dende a Federación Galega de Balonmán quérese destacar o valor deste tipo de iniciativas, fundamentais para seguir fomentando os valores do deporte, a convivencia e a formación dos máis novos e novas nun ambiente saudable e participativo.