O IFEVI acolleu durante toda a fin de semana a última parada do circuíto, cunha ampla presenza de nenos e nenas e un gran ambiente familiar. A entrega de premios contou coa presenza de representantes da Deputación de Pontevedra, da Real Federación Española de Balonmán e da Federación Galega de Balonmán.
A Copa 5×5 de Balonmán na Rúa Deputación de Pontevedra 2026 puxo este domingo o punto e final á súa terceira edición cunha última parada no IFEVI, en Vigo, que reuniu durante toda a fin de semana a numerosos nenos e nenas das categorías benxamín e alevín, acompañados polas súas familias.
Tras pasar por Cangas e Poio, o circuíto despediuse en Vigo cunha intensa programación deportiva e un gran ambiente nas instalacións do IFEVI. Ademais, na xornada do domingo, os participantes puideron xogar na mesma pista na que se disputará o encontro internacional entre España e Portugal, un escenario especial para pechar esta edición.
A entrega de premios, celebrada este domingo, contou coa presenza de Luisa Sánchez, vicepresidenta da Deputación de Pontevedra e deputada de Deportes; Francisco Blázquez, presidente da Real Federación Española de Balonmán; e Bruno López, presidente da Federación Galega de Balonmán, que acompañaron os equipos participantes neste último acto da competición.
UNHA INICIATIVA PARA ACHEGAR O BALONMÁN Á BASE
A Copa 5×5 de Balonmán na Rúa nace co obxectivo de promover a práctica do balonmán entre os máis novos, achegando este deporte a diferentes localidades e ofrecendo un formato dinámico, participativo e pensado para gozar tanto dentro como fóra da pista.
A elevada participación ao longo das tres sedes, xunto coa presenza de numerosas familias, volveu demostrar a boa acollida dunha iniciativa que combina deporte, convivencia e diversión, e que permite aos nenos e nenas compartir unha experiencia diferente arredor do balonmán.
AGRADECEMENTO Á DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA E A TODAS AS PERSOAS PARTICIPANTES
A Federación Galega de Balonmán quere expresar o seu agradecemento á Deputación de Pontevedra polo seu apoio fundamental, que fai posible o desenvolvemento desta competición e permite seguir impulsando iniciativas de promoción deportiva e de fomento do balonmán de base na provincia.
A FGBm tamén quere recoñecer a implicación dos clubs participantes, así como a colaboración das familias, cuxa participación e apoio resultan imprescindibles para que unha actividade destas características poida saír adiante.
Con esta última parada en Vigo, a Copa 5×5 de Balonmán na Rúa Deputación de Pontevedra 2026 despide unha nova edición que volveu converter o balonmán nun punto de encontro para os máis pequenos e as súas familias.













