UN MESMO ESCUDO, UN MESMO EQUIPO: O BALONMÁN CANGAS IMPULSA A INCLUSIÓN COA ASOCIACIÓN JUAN XXIII

Quince deportistas formarán parte do equipo inclusivo do club cangués, que iniciará a súa actividade en xaneiro de 2027 tras un acordo de colaboración coa Asociación Juan XXIII.

O balonmán tamén se constrúe a través dos vínculos que crea, das persoas que reúne e das oportunidades que ofrece dentro e fóra da pista. O Club Balonmán Cangas e a Asociación Juan XXIII unen os seus camiños para impulsar un equipo inclusivo que permitirá a 15 deportistas incorporarse á dinámica dun club que abre un novo espazo de participación, convivencia e práctica deportiva. A actividade comezará en xaneiro de 2027.

O proxecto foi presentado este xoves no Concello de Cangas, nun acto no que os auténticos protagonistas foron os integrantes do equipo, acompañados das súas familias e de representantes das entidades e institucións que apoian esta iniciativa. A través do acordo de colaboración, o grupo pasará a formar parte da estrutura do Balonmán Cangas, compartindo escudo, pavillón e identidade cun club que compite na máxima categoría estatal.

O que comezará nos próximos meses vai máis alá da práctica deportiva. Os adestramentos semanais, as actividades compartidas coa primeira plantilla, os encontros e as propostas de convivencia previstas para 2027 permitirán construír un espazo no que sentirse parte, establecer vínculos e vivir o balonmán desde dentro, como integrantes dun mesmo equipo.

Un dos aspectos fundamentais desta iniciativa é precisamente a súa integración na vida do club. Non se trata de crear unha actividade á marxe, senón de incorporar os seus deportistas á familia do Balonmán Cangas, facendo que compartan instalacións, experiencias e o sentimento de pertenza que representa vestir un mesmo escudo.

O director deportivo do club, Óscar Fernández, destacou a ilusión coa que se afronta este proxecto, que levaba tempo entre os obxectivos da entidade, e dirixiuse aos seus futuros integrantes lembrándolles que serán os primeiros en formar parte desta iniciativa. A implicación, a constancia e, por riba de todo, a importancia de divertirse serán algúns dos piares deste camiño.

A colaboración entre o club cangués e Juan XXIII conta tamén co respaldo da Federación Galega de Balonmán, representada no acto polo seu presidente, Bruno López, quen reivindicou o deporte como unha ferramenta para avanzar na igualdade de oportunidades e ampliar a comunidade do balonmán galego. «Non queremos un balonmán que simplemente abra as súas portas, queremos un balonmán no que ninguén teña que chamar para entrar», destacou durante a presentación.

A Asociación Juan XXIII, con seis décadas de traballo acompañando persoas con discapacidade intelectual en Pontevedra e O Morrazo, suma así unha nova colaboración deportiva que permitirá seguir ampliando espazos de participación e experiencias compartidas. O deporte, neste contexto, convértese nunha oportunidade para desenvolver autonomía, fortalecer relacións e formar parte activa da comunidade.

O proxecto contempla tamén actividades de divulgación e comunicación que permitan achegar o balonmán aos seus protagonistas e ao público, acompañando a evolución do equipo e compartindo o seu día a día.

Porque, a partir de xaneiro, 15 deportistas comezarán a escribir a súa propia historia dentro do Balonmán Cangas. E farano cun mesmo escudo no peito, nun mesmo pavillón e formando parte dun equipo no que o importante será, sobre todo, estar, participar e sentirse un máis.