A Copa 5×5 de Balonmán na Rúa da Deputación da Coruña fai parada este fin de semana no Concello de Carnota, converténdose nun novo punto de encontro para centos de nenos e nenas que queren gozar do balonmán dun xeito diferente, divertido e accesible para todos.
Durante dous días, o deporte, a música, a convivencia e o bo ambiente volverán ser protagonistas nun formato que non deixa de sumar participación en cada sede. A xente de Carnota poderá desfrutar dunha auténtica festa do balonmán, aberta a todos e todas e pensada para que ninguén quede fóra.
Tal e como sucede en cada etapa da Copa 5×5, todos os nenos e nenas están convidados a participar, mesmo aqueles que non estean inscritos previamente: só teñen que achegarse á instalación durante a xornada, falar co equipo da Federación Galega de Balonmán, e serán inscritos no momento para poder xogar e vivir a experiencia.
A competición contará con categorías desde benxamín a alevín, sorteos, animación e actividades para que o público tamén forme parte desta cita, o que converte cada sede nun auténtico evento social para as familias e para o concello.
INSCRICIÓN ABERTA
As persoas interesadas poden inscribirse a través da seguinte ligazón:
Inscrición Carnota: https://balonmano.misquad.es/detalle_inscripcion_actividad.php?id_actividad=MjE%3D
Desde a Federación Galega de Balonmán queremos agradecer ao Concello de Carnota a súa implicación na organización e á Deputación da Coruña o seu apoio fundamental para facer posible este circuíto, que achega o deporte ás prazas e rúas da provincia, promovendo hábitos saudables, igualdade e participación.
A Copa 5×5 chega a Carnota para unha fin de semana chea de ritmo, diversión e balonmán na rúa.
Agardámoste para vivir a festa do 5×5!



