Luisa Sánchez e Bruno López destacaron a importancia de achegar o balonmán de máximo nivel á provincia e de ofrecer referentes ás novas xeracións.
Os Hispanos recibiron esta mañá no Instituto Feiral de Vigo (IFEVI) a visita institucional de Luisa Sánchez, vicepresidenta e deputada de Deportes da Deputación de Pontevedra. O encontro tivo lugar ás 12:30 horas, tras a sesión de adestramento da selección española, que este domingo se enfrontará a Portugal nun partido correspondente á EHF EURO Cup.
A recepción contou coa presenza dos xogadores e do corpo técnico do combinado nacional e continuou cunha atención aos medios de comunicación, na que participaron Luisa Sánchez e Bruno López, presidente da Federación Galega de Balonmán.
O DEPORTE COMO MOTOR PARA A PROVINCIA
Durante o encontro, Luisa Sánchez puxo en valor a importancia de acoller na provincia eventos deportivos destas características, tanto polo seu impacto na promoción do deporte como pola actividade económica e social que xeran na cidade.
A vicepresidenta da Deputación lembrou tamén a relación dos Hispanos coa provincia, que xa visitaran en 2024 con motivo da súa concentración e encontro contra Suecia en Lalín, e amosou a súa satisfacción por volver recibir a selección. Ademais, incidiu na importancia de que os nenos e nenas poidan achegarse a deportistas de primeiro nivel e atopar neles referentes, contribuíndo así a impulsar o balonmán desde a base.
Luisa Sánchez destacou tamén o atractivo especial do enfrontamento ante Portugal, un país veciño co que existe unha estreita relación deportiva. Neste sentido, lembrou os recentes encontros entre equipos españois e portugueses na Supercopa Ibérica. O partido deste domingo, coas localidades do IFEVI xa esgotadas, contará cunha gran resposta da afección, que poderá apoiar os Hispanos desde as bancadas.
UNHA OPORTUNIDADE PARA IMPULSAR O BALONMÁN GALEGO
Pola súa banda, Bruno López agradeceu a implicación institucional e destacou o valor que teñen este tipo de eventos para fortalecer o balonmán galego. O presidente da Federación Galega de Balonmán incidiu especialmente na importancia de que os máis pequenos e pequenas teñan a oportunidade de ver de preto os seus referentes deportivos, unha experiencia que contribúe a fomentar a práctica deste deporte desde as categorías de base.
Bruno López, tamén expresou a súa satisfacción pola resposta do balonmán galego ante a chegada dos Hispanos e manifestou o desexo de que esta cita en Pontevedra, e concretamente en Vigo, no IFEVI, poida supoñer un punto de inflexión nos recentes enfrontamentos entre España e Portugal.
A recepción institucional serviu así como antesala dunha gran cita deportiva que este domingo reunirá 5.000 espectadores no IFEVI. Un encontro no que o balonmán galego terá a oportunidade de acompañar os Hispanos nun escenario que xa está preparado para vivir unha tarde especial.













