A PROBA CONCELLO DE CANGAS DA XIRA GALEGA BALONMÁN PRAIA TRASLADA A SÚA UBICACIÓN

A proba Concello de Cangas da Xira Galega de Balonmán Praia cambia de ubicación e finalmente celebrarase na Praia da Xunqueira de Moaña.

Ante a crispación social creada con respecto ao espazo no que se ía celebrar a proba esta fin de semana (9, 10 e 11 de xullo) a Federación Galega de Balonmán, en consenso co Concello de Cangas e a Mancomunidade de Concellos do Morrazo, decidiron buscar un lugar alternativo para esta proba, de forma que non se paralice a competición e haxa tempo para consensuar a mellor ubicación posible en Cangas para a celebración deste evento no futuro.

A Federación Galega de Balonmán é unha entidade deportiva cuxo obxectivo é promover a práctica deportiva nun entorno de seguridade para as e os deportistas. Despois dun ano tan complicado, a Xira Galega de Balonmán Praia nace como un punto de encontro entre os deportistas e o resto da sociedade, ademais de ser unha importante oportunidade para a dinamización do entorno.

A Federación Galega quere agradecer a disposición dos concellos de Cangas e Moaña para que esta Xira se celebre coas máximas garantías e non se vexa afectada por cuestións completamente alleas ao deporte.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *