AS SELECCIÓNS DE ESPAÑA, CROACIA E EXIPTO XOGARÁN EN OURENSE OS DÍAS 28 E 29 DE XUÑO

As seleccións absolutas de España, Croacia e Exipto xogarán no Pavillón Paco Paz de Ourense os próximos días 28 e 29 de xuño. Hoxe mesmo pechouse o acordo entre a Federación Galega de Balonmán e a Deputación Provincial de Ourense, nunha proba máis da boa sintonía existente entre ambas institucións, co obxectivo de fomentar o balonmán nesta provincia.

O presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López Molina, reuniuse co presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar e o responsable de Deportes, Bernardino González, e no transcurso deste encontro pechouse  a programación deste evento. Desta forma, o día 28 disputarase o partido Exipto-Croacia, que será o `teloneiro´ do Torneo Ourense Provincia Termal, que se celebrará ao día seguinte (29 de xuño) coa participación de España e Exipto. Hai que recordar que os Hispanos comezarán a súa preparación dos Xogos de Tokyo cunha concentración en Galicia, na que se celebrarán varios partidos, sendo Ourense unha das sedes.

O presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, destacou o importante que son este tipo de eventos para atraer aos máis pequenos cara á práctica deportiva, xa que poden ver en acción aos seus referentes: “Os Hispanos, que veñen de lograr o bronce no Mundial de Exipto, son un equipo que fai afección e ademais temos a sorte de contar cun galego, Rodrigo Corrales, entre eles”, manifestou.

Pola súa banda, Bruno López quixo agradecer a magnífica disposición da Deputación de Ourense neste e noutros proxectos, xa que ambas institucións están a traballar de forma decidida para que, xunto aos clubs da provincia, o balonmán non deixe de medrar.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *