“Cangas acollerá a Fase Final da Copa e Supercopa Galicia ”

No día de hoxe tivo lugar, no concello de Cangas, a presentación da Fase Final da Copa e Supercopa Galicia de Balonmán que se celebrará os vindeiros 26 e 27 de agosto no Pavillón do Gatañal. A Festa do Balonmán galego acollerá a participación de vinte equipos, dende categoría infantil a sénior.

No acto de presentación estiveron presentes: a alcaldesa do concello de Cangas, Araceli Gestido; o Presidente da Mancomunidade de Concellos do Morrazo e alcalde do concello de Bueu, Félix Juncal; a alcaldesa do Concello de Moaña, Leticia Santos; o Xefe de Deportes da Xunta de Galicia na Provincia de Pontevedra, Daniel Benavides; e o Presidente da Federación Galega de Balonmán,  Bruno López, ademais dunha representación de xogadores e staff técnico do Balonmán Cangas.

A Fase Final da Copa e Supercopa Galicia de Balonmán, encadrada dentro do convenio de actividades que manteñen a Mancomunidade de Concellos do Morrazo e a Federación Galega de Balonmán, presenta un formato diferente, coas finais de Copa Galicia durante a xornada de sábado e a mañá do domingo, pechando o domingo ás 17:00 e ás 19:00 horas cos derbis de Supercopa entre o Mecalia Atlético Guardés e o Conservas Orbe Rubensa Balonmán Porriño, e o Cisne Colegio los Sauces e o Frigoríficos do Morrazdo Balonmán Cangas. 

Os encontros serán retransmitidos pola canle de youtube da Federación Galega de Balonmán, agás a Final de Copa Galicia Feminina e a Final da Supercopa Masculina que irán en directo pola TVG2, mentres que a Final de Supercopa Feminina se retransmitirá pola web da TVG.

As entradas están á venda a través da plataforma Cluber, o enlace figura nas redes sociais da Federación Galega de Balonmán, habendo posibilidade tamén de ser adquiridas no pavillón o mesmo día do evento. Os menores de dezaseis anos terán acceso gratuíto durante os dous dias.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *