CDEC LAVADORES E INDUPOR BM PORRIÑO, CAMPIÓNS DA FINAL FOUR DE PRIMEIRA AUTONÓMICA FEMININA E MASCULINA

CdeC Lavadores, na categoría feminina, e Indupor BM Porriño, na masculina, proclamáronse hoxe en Culleredo campións da Final Four de Primeira Autonómica, subcampións galegos e acadaron así a clasificación para a fase de ascenso xunto cos campións galegos (Asmubal Meaño feminino e UB Lavadores masculino).

Foi unha fin de semana chea de grandes partidos no Pavillón do Tarrío, moita emoción, ambiente nas gradas e bo xogo na pista. Na categoría feminina, chegaron a final Calvo Xiria (tras vencer na semifinal a Forbe Reconquista de Vigo por 27:21) e CdeC Lavadores que superou ao BM Tui (22:32). O conxunto vigués fixo un partido moi serio en defensa, cunha Uxía Ferreiro espectacular en portería e con moita resolución en ataque por parte de Lucía, Sandra e Ana Gil. O Calvo Xiria, tremendamente loitador, no baixou os brazos en ningún momento. Ao final dos 60 minutos, 23:18 para o CdeC Lavadores, que se proclama campión da Final Four e subcampión galego. As de Vigo conseguen a segunda praza para a fase de ascenso a División de Honra Prata B.

O CdeC, celebrando o seu triunfo. Foto: Patry Rivas

A continuación chegou a final masculina, con Indupor BM Porriño (que superou na semifinal ao Acanor Atlético Novás) e ao conxunto local, o Bm Culleredo (que eliminou o sábado ao Hospital Capilar Poio Artai) sobre a pista.

Foi unha final cun final tremendamente igualado, a pesar de que en algunhas fases do partido o Porriño logrou abrir distancias no marcador. Pero o Culleredo, cun cambio na defensa e o apoio incondicional da bancada, chegou con opcións de empatar o partido na última posesión. Non puido ser e triunfo para o Porriño (22:21), que se clasifica para a fase de ascenso a Primeira Nacional Masculina.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *