CEDEIRA PECHA CON ÉXITO A SÚA SEDE DA COPA 5×5 DE BALONMÁN NA RÚA DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA

Unha fin de semana de participación masiva, ambiente espectacular e moita ilusión antes de que o circuíto continúe en Carnota

A sede de Cedeira da Copa 5×5 de Balonmán na Rúa da Deputación da Coruña 2025 puxo este fin de semana o seu punto final, consolidándose por segundo ano consecutivo como un dos escenarios máis especiais e participativos do circuíto.

Foron dúas xornadas de deporte, convivencia e diversión, nas que as pistas se encheron de nenos e nenas con gañas de xogar, aprender e competir nun formato pensado especialmente para o disfrute. A participación, un ano máis, foi extraordinaria, coa implicación masiva do alumnado do colexio local, que deixou claro que Cedeira ten potencial para converterse nunha futura escola de balonmán.

A pesar da chuvia, que obrigou a interromper parte da competición durante a semana, a actividade puido retomarse e rematar por todo o alto, demostrando que nada pode deter aos pequenos e pequenas deportistas de Cedeira, que fixeron gala dunha entrega e unha ilusión imparables.

Nas bancadas viviuse outro dos grandes éxitos da sede: un ambiente inesquecible, con familiares, amizades e veciños/as animando sen descanso. A grada ateigada, as dinámicas propostas pola organización e os sorteos fixeron que o público fose parte activa desta festa do balonmán na rúa.

Desde a Federación Galega de Balonmán queremos trasladar un agradecemento especial ao Concello de Cedeira, pola súa colaboración constante e implicación na organización, e á Deputación da Coruña, sen cuxo apoio este proxecto deportivo e social non sería posible. Grazas por seguir apostando por levar o balonmán ás rúas, ás prazas e á vida de centos de nenos e nenas da provincia.

A Copa 5×5 continúa a súa andaina e xa mira cara a súa próxima parada: Carnota, onde agardamos repetir o éxito de participación e ambiente vivido en Cedeira.

Vémonos na próxima sede!