Unha vitoria e dúas derrotas deixan ao balonmán galego con só un representante na seguinte ronda da Copa do Rei
O balonmán galego tivo contrastes na primeira eliminatoria da LI Copa de S.M. o Rei. O Frigoríficos do Morrazo Balonmán Cangas avanzou de rolda tras superar ao Fundación Agustinos Alicante (33-35), mentres que o Club Cisne Colegio Los Sauces e o Attica21 Hotels OAR Coruña caeron con dignidade ante o Sanicentro BM Guadalajara (27-30) e o Viveros Herol Balonmano Nava (30-32), respectivamente.
O conxunto cangués asinou un partido maduro en terras alacantinas, sobrevivindo a un duelo de altísimo ritmo ofensivo. O descanso marchou con 19-20 para os galegos, que souberon interpretar o tramo final con cabeza fría, seriedade e eficacia ofensiva. Santiago López volveu ser clave nos momentos decisivos, nun Cangas que demostrou oficio e personalidade despois dunha semana de parón competitivo.
No Municipal dos Deportes de Pontevedra, o Club Cisne Colegio Los Sauces rozou durante 40 minutos unha clasificación que se escapou no tramo final, onde o Sanicentro Guadalajara castigou cada perda e xestionou mellor os minutos clave. O descanso deixaba un esperanzador 15-14, pero a segunda metade foi máis gris para o Cisne, que competiu ata o suspiro final, pero non foron quen de manter a vantaxe de ata 5 tantos coa que contaban nos derradeiros 10 minutos de partido. Agora terá tempo para canalizar aprendizaxes cara á liga.
En San Francisco Javier, o Attica21 Hotels OAR Coruña debutaba na Copa do Rei só uns meses despois do seu regreso á División de Honra Prata. O partido naceu vibrante e o marcador ao descanso (17-18) reflectía equilibro. Na segunda parte, o Nava mantivo un punto máis de oficio, chegando á prórroga forzada polo equipo coruñés, e sentenciando o encontro la segunda parte da mesma. O OAR, demostrando carácter e personalidade para unha primeira experiencia copera, confirma o seu paso adiante competitivo.
Con este balance (un triunfo e dúas derrotas) o único representante galego vivo en Copa é o Frigoríficos do Morrazo Balonmán Cangas.
A ilusión continúa. Galicia segue presente.
Agora, o foco vira xa de novo á liga e, no caso de Cangas, á seguinte rolda desta Copa do Rei que vén outra vez cargada de retos e oportunidades.



