Vigo, 13 de xuño de 2026
A Comisión Xestora da Federación Galega de Balonmán acordou o nomeamento de José Ignacio Permuy Varela como novo Presidente da Comisión Xestora da entidade, en substitución de Bruno López Molina, quen presentou a súa dimisión do cargo como consecuencia do actual proceso electoral federativo.
A renuncia de Bruno López responde ao cumprimento do establecido na normativa electoral aplicable ás federacións deportivas galegas, que impide formar parte da Comisión Xestora ás persoas que concorran como candidatas aos órganos de goberno e representación da federación durante o desenvolvemento do proceso electoral.
Neste contexto, e co obxectivo de garantir os principios de neutralidade, transparencia e igualdade entre as candidaturas, a Comisión Xestora procedeu á reorganización da súa composición e ao nomeamento de Ignacio Permuy como máximo responsable da mesma ata a finalización do proceso electoral.
O novo Presidente da Comisión Xestora asumirá as funcións de representación institucional e administración ordinaria da Federación Galega de Balonmán durante as vindeiras semanas, garantindo o normal funcionamento da entidade e a continuidade dos trámites necesarios para culminar o proceso electoral actualmente en marcha.
A Federación Galega de Balonmán afronta nestes momentos a fase final das eleccións aos seus órganos de goberno, coa previsión de celebración da Asemblea Xeral Extraordinaria Constitutiva o próximo 28 de xuño de 2026, data na que quedarán definitivamente configurados os órganos de dirección da entidade para o novo mandato.
Desde a Federación Galega de Balonmán agradécese o traballo desenvolvido por Bruno López durante o período no que exerceu a Presidencia da Comisión Xestora, así como a disposición de Ignacio Permuy para asumir esta responsabilidade nun momento especialmente relevante para o futuro da entidade.
Federación Galega de Balonmán



