MAÑÁ DISPUTARANSE AS FINAIS DA COPA E SUPERCOPA GALICIA NO GATAÑAL

Xa coñecemos aos equipos finalistas da Copa e da Supercopa Galicia, finais que se disputarán mañá domingo 5 de setembro no Gatañal, nunha xornada na que se renderá homenaxe a Fran Teixeira, recentemente falecido.

A primeira das finais será a Copa Galicia masculina, na que se enfrontarán Forbe Reconquista  e Granitos Ibéricos Carballal (11:00 horas). Ambos conxuntos vigueses lograron o seu pase nas semifinais disputadas o venres no pavillón de O Gatañal de Cangas.

A primeira semifinal enfrontou a  Forbe Reconquista de Vigo e Seis  do Nadal, nun derbi vigués con dúas partes moi diferentes: Na primeira o Reconquista foi moi superior (19-9) e na segunda, o Seis  do Nadal remontou ata poñer un pouco de emoción no marcador nos minutos finais. Resultado final, 31:27.

Na segunda semifinal impúxose o Granitos Ibéricos Carballal ao  Automanía Luceiros, nun partido igualado e de alternativas. Na primeira metade, despois dun inicio igualado, o Carballal logrou escaparse no marcador (14:11), pero na reanudación o Luceros deulle a volta e logrou mesmo poñerse por diante. No tramo final, o conxunto vigués reaccionou e terminou vencendo e clasificándose para a final (27:26).

Na Copa Galicia feminina, os finalistas son Rubensa BM Porriño e SAR Rodavigo (13:00 horas). O Rubensa foi o primeiro en acadar a clasificación tras superar na semifinal do sábado ao CdeC Lavadores. Foi un partido con diferentes fases, ainda que sempre co Porriño por diante no marcador. No tramo final da primeira metade, o CdeC logrou axustar a defensa e reducir distancias. Pero na segunda parte, o BM Porriño foi superior e pechou unha ampla vitoria (34:23).

Na segunda semifinal a SAR Rodavigo logrou o pase para a final, tras superar ao Samertolameu nun disputado e entretido encontro. Despois dun inicio moi igualado, a SAR logrou irse no marcador para alcanzar o descanso cun 12:18 ao seu favor. Na segunda metade, non sufriu para pechar o triunfo e a clasificación (25:30). A final disputarase mañá domingo ás 13:00 horas.

Hoxe tamén se disputaron as semifinais da Supercopa Galicia masculina. O Frigoríficos do Morrazo amosou na pista que é un equipo de Asobal e gañou con solvencia ante un Disiclín Lalín,  que además chegaba con moi poucos adestramentos nas pernas, despois de saír dun confinamento. Resultado final 38:19.

Na segunda semifinal enfrontábanse Cisne Colegio Los Sauces e Acanor Novás Valinox, dous equipos da mesma categoría (División de Honra Prata Masculina), pero o Novás afrontaba o choque con varias e importantes baixas. A pesar diso estivo moi concentrado e metido no partido. Ao descanso, 16.16. Na segunda metade, parecía que o Cisne lograba escaparse no marcador, pero volveu reaccionar O Novás para chegar con opcións ao tramo final, pero nestes minutos finais os pontevedreses pecharon o triunfo sen sufrimento.

A final da Supercopa masculina (Frigoríficos do Morrazo BM Cangas-Cisne Colegio Los Sauces) celebrarase mañá a partir das 19:00 horas, mentres que a feminina (Mecalia Atlético Guardés-Conservas Orbe BM Porriño) disputarase ás 17:00 horas.  Nova xornada de balonmán galego no Gatañal.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.