Con estas palabras da man dos equipos: Noroplaza Atlántico, Bm Brigantium Nunegal e Calvo Xiria B, remataba un emocionante fin de semana de balonmán que deixou claro o ascenso dalgúns dos mellores equipos do norte á 1ª Autonómica.
SEMIFINAL 1 FEMININA AISPAR BM CASELAS – LIRÓN STORE BUEU ATLÉTICO BALONMÁN
Na primeira semifinal feminina da Final 4 de 2ª Autonómica, o Lirón Store Bueu Atlético Balonmán impúxose ao Aispar BM Caselas nun encontro de moita intensidade e ritmo cambiante. Ambos equipos comezaron coas ideas moi claras e un 3-5 no minuto 9 xa deixaba entrever a igualdade do duelo. O Aispar BM Caselas non llo puxo nada fácil ás do Morrazo, que, aínda así, souberon manter a vantaxe no marcador durante boa parte do encontro. Ao descanso chegouse cun 13-16 para o Lirón Store Bueu Atlético Balonmán, que non baixou os brazos en ningún momento dos 60 minutos. A súa intensidade e constancia déronlle o premio da vitoria por 24-31 e o pase á gran final do domingo.
SEMIFINAL 2 FEMININA CDEC LAVADORES VIGO B – BM BRIGANTIUM NUNEGAL
Na segunda semifinal feminina, o BM Brigantium Nunegal logrou o pase á final tras superar ao CDEC Lavadores Vigo B nun encontro cheo de alternativas. As coruñesas comezaron dominando con claridade, mostrando unha gran intensidade e eficacia ofensiva que lles permitiu acadar un sorprendente 1-6 nos primeiros minutos. A resposta do conxunto vigués non se fixo agardar, e pouco a pouco foron recurtando distancias ata chegar ao descanso con 8-13 no marcador. Na segunda metade, o BM Brigantium Nunegal continuou impoñendo un ritmo vertixinoso a pesares dos numerosos intentos de remontada do CDEC Lavadores Vigo B. O resultado final, 23-25, confirma a superioridade do equipo coruñés en todo o encontró, que selan así o seu pase á final do domingo ante o Lirón Store Bueu Atlético Balonmán.
SEMIFINAL 1 MASCULINA CALVO XIRIA B – MILLAVEN CP LUCENSE
A primeira semifinal masculina da Final 4 de 2ª Autonómica estivo marcada pola igualdade, o ritmo alto e unha loita constante por cada balón. O Calvo Xiria B e o Millaven CP Lucense protagonizaron un encontro moi equilibrado dende o inicio, con alternancia no marcador e defensas ben organizadas. O conxunto de Carballo, con maior experiencia e solvencia nas accións clave, foi capaz de marchar ao descanso con vantaxe (14-12), mostrando unha gran efectividade nos últimos compases da primeira metade. Na reanudación, o Calvo Xiria B mantivo a intensidade e soubo xestionar os tempos do partido, freando os intentos de remontada dun Millaven CP Lucense loitador que nunca baixou os brazos. Finalmente, os carballeses certificaron o seu pase á gran final cun 27-24 no electrónico, grazas á súa solidez defensiva e ao acerto nos momentos decisivos.
SEMIFINAL 2 MASCULINA CLÍNICA VETERINARIA ESTACIÓN BALONMÁN TUI – REIZENTOLO LAVADORES VIGO B
Unha semifinal con moita tensión, ritmo e emoción no Pavillón Gustavo Rodríguez de Tui, onde o equipo local, o Clínica Veterinaria Estación Bm Tui, xogaba coa forza da súa afección. Ambos conxuntos deron absolutamente todo, nun encontro cheo de intensidade, alternancias no marcador e moita emoción. O Reizentolo Lavadores Vigo B chegou ao descanso por diante (10-13), pero tras o paso polos vestiarios, o equipo local reaccionou cunha gran segunda metade, apoiado pola súa afección, que tinguía a bancada de amarelo e azul. O partido acabou en táboas ao remate do tempo regulamentario, e tampouco a prórroga foi suficiente para decidir ao gañador. Todo se resolveu nos lanzamentos de 7 metros, onde o Clínica Veterinaria Estación Bm Tui estivo máis acertado e logrou un histórico pase á final tras unha tarde inesquecible
3º E 4º POSTO FEMININO CDEC LAVADORES VIGO B – AISPAR BM CASELAS
O duelo polo bronce da Final 4 de 2ª Autonómica feminina entre o CDEC Lavadores Vigo B e o Aispar Bm Caselas estivo marcado pola igualdade e a intensidade dende o inicio. Ambos equipos deron mostra de orgullo e carácter tras caer nas semifinais, ofrecendo un partido moi competido e de alta entrega. As xogadoras do Aispar Bm Caselas mantiveron unha defensa sólida e un ritmo alto, pero o CDEC Lavadores Vigo B soubo xestionar mellor os momentos decisivos do encontro. Cun bo acerto ofensivo e unha defensa que gañou consistencia co paso dos minutos, o equipo vigués conseguiu a vantaxe necesaria para facerse co terceiro posto do campionato e pechar a súa participación cun sabor máis doce.
3º E 4º POSTO MASCULINO REIZENTOLO LAVADORES VIGO B – MILLAVEN CP LUCENSE
O encontro entre o Reizentolo Lavadores Vigo B e o Millaven CP Lucense polo terceiro posto da Final 4 masculina estivo cheo de alternativas e emoción. O Millaven CP Lucense entrou mellor no partido, marcando o ritmo nos primeiros compases e aproveitando erros do rival para tomar vantaxe. Non obstante, o Reizentolo Lavadores Vigo B non perdeu a cara ao encontro e conseguiu recortar diferenzas antes do descanso. Na segunda metade, os vigueses mostraron máis solvencia ofensiva e intensidade defensiva, logrando manter o marcador e asentarse na vantaxe. Cun final moi serio e ordeado, Reizentolo Lavadores Vigo B impúxose para proclamarse 3º clasificado, poñendo un broche positivo á súa participación na Final 4.
FINAL FEMENINA BM BRIGANTIUM NUNEGAL – LIRÓN STORE BUEU ATLÉTICO BALONMÁN
Na final feminina da Final 4, o BM Brigantium Nunegal e o Lirón Store Bueu Atlético Balonmán protagonizaron un encontro cheo de intensidade. As de A Coruña demostraron a súa superioridade desde o inicio, con gran eficiencia na súa defensa, un ataque ben estruturado e non deixaron que as do Morrazo anotaran o seu primeiro gol ata o minuto 6. O descanso chegou cun 11-8 no marcador, favorables ás coruñesas. A pesar das tentativas do Lirón Store Bueu Atlético Balonmán por recortar distancias, o BM Brigantium Nunegal mantivo o control do partido durante toda a segunda metade, defendendo a súa vantaxe, destacando a súa porteira, Irene Paredes, que estivo imparable durante varios minutos, logrando máis dun 50% de paradas en apenas 15 minutos, facendo a vida imposible ás xogadoras de Bueu. O Lirón Store Bueu Atlético Balonmán, aínda con moito corazón e cun parcial de 4-0 nos últimos 10 minutos, non conseguiu dar a volta ao encontro e, finalmente, o BM Brigantium Nunegal levou a vitoria cun 23-20, conquistando o título de campioas da Final 4.
FINAL MASCULINA CLÍNICA VETERINARIA ESTACIÓN BM TUI – CALVO XIRIA B
Na final masculina da Final 4, o Clínica Veterinaria Estación BM Tui e o Calvo Xiria B ofreceron un espectáculo digno dunha gran final. O partido comezou moi igualado, cun Calvo Xiria B moi combativo, que soubo adaptarse ás circunstancias dun público, totalmente entregado ao equipo local que fixo sentir a súa presenza no pavillón de Gustavo Rodríguez, creando un ambiente espectacular.
O Clínica Veterinaria Estación BM Tui, puxo todo o empeño desde o primeiro minuto, a pesar de non ter as cousas fáciles contra un rival que loitou a derradeira xornada de liga por proclamarse campión da categoría.
O Calvo Xiria B comezou moi enchufado, cunha vantaxe clara no minuto 9, onde se puxo cun 2-7 no marcador. A superioridade do equipo visitante foi patente durante toda a primeira parte, que finalizou cun marcador de 11-17, co equipo local, o Clínica Veterinaria Estación BM Tui, tendo que loitar contra un rival moi ben organizado e con moita enerxía.
A segunda metade mantivo a mesma tónica, cun Calvo Xiria B que non baixou o ritmo en ningún momento, cunha defensa ríxida, impoñéndose aos tudenses cunha intensidade constante e sen deixar tempo de reacción ao equipo local. A pesar dos esforzos do Clínica Veterinaria Estación BM Tui, que loitou ate o último segundo, o Calvo Xiria B manteuse firme e logrou a vitoria.
O ambiente no pavillón foi incríble, cun público entregado ao seu equipo local, e tamén cunha gran representación do equipo carballés na bancada. Finalmente foi o Calvo Xiria B quen celebrou a vitoria e o ascenso, converténdose no equipo campión da Final 4.
Os equipos campións da categoría tamén estiveron presentes na entrega de premios, Noroplaza Atlántico e Seis do Nadal – Coia, recollendo o título que os acreditaba como vencedores da liga. Xunto a eles, o Calvo Xiria B e o BM Brigantium Nunegal acompañaraos á 1ª Autonómica a partir do próximo ano.






