NOVA CITA COA HISTORIA PARA O MECALIA ATLÉTICO GUARDÉS

O Mecalia Atlético Guardés vivirá mañá unha nova cita que aparecerá sinalada na historia do club. O conxunto da Guarda está a só 60 minutos de pechar a súa clasificación para a final da Copa Europea, un novo fito na historia dun club que non deixa de sorprender. Para acadar a primeira final europea da súa historia terá que pechar a eliminatoria fronte ao Aticcgo Elche, que está ben encamiñada despois da vitoria pola mínima das galegas en terras ilicitanas (22-23).

Así, a do sábado será a primeira final. O conxunto dirixido por Ana Seabra chega cunha pequena vantaxe, pero sabendo que “un gol non é nada, aínda que sempre é mellor estar co gol-average a favor. Iso si, imos entrar no partido coma se estivésemos 0-0 e coma se fose unha final a partido único”. Ademais o Elche gañou nos dous partidos de Liga, mentres que o Guardés venceu na ida, sempre en partidos tremendamente duros e igualados.

As xogadoras do Guardés afrontan a cita con “responsabilidade e ambición, para facer algo importante, non só para o club, senón para o pobo”. Así o explica Seabra, que pensa que o choque se vai a decidir por detalles: “A estratexia e a efectividade de ambos os equipos en todas as fases do partido, van ser determinantes. Quen sexa máis consistente, con certeza vai gañar”.

Afección

O partido non se xogará so na pista. A Sangriña terá un papel protagonista neste choque, tal e como o tivo sempre. A peña O Inferno porá a cor e o son e nesta ocasión acompañada pola peña A Marea Azul do BM Cangas, que queren apoiar ao equipo galego nesta importante cita. A relación entre ambas afeccións é excepcional e en varias ocasións O Inferno foi ao Gatañal a apoiar ao equipo de Cangas. Pois agora é a Marea Azul a que quere estar e apoiar nesta cita histórica.

Ás 17:00 horas haberá recibimento ao equipo, coa participación de ambas peñas e todos os que desexen sumarse. Será un deses momentos que poñen a pel de galiña e que meterá tanto  ás xogadoras como á afección no partido.

E a festa continuará na bancada. A directiva tamén apostou por ver A Sangriña cheo e así abaratou o prezo das localidades. Para o socio/ a a localidade terá un custe de 5 euros e disporán dunha invitación de agasallo, o prezo da entrada para o público en xeral é de 10 euros e os menos de 13 anos poderán acceder de forma gratuita.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *