Esta fin de semana, durante os días 12 e 13 de abril, o Pavillón Coirón Area de Meaño acollerá a Final 4 da categoría cadete feminina, un evento que promete dous días de máxima intensidade e espectáculo sobre a pista.
A presentación oficial tivo lugar hoxe en Meaño na Taberna Os Arcos, patrocinador do equipo anfitrión, cun acto ao que asistiron Silvia Lobato, presidenta do ACD Asmubal Meaño, club organizador do torneo, Francisco Javier Rodríguez directivo e responsable de Loxística da Federación Galega de Balonmán e Carla Abad, vicepresidenta da Federación Galega de Balonmán.
A Final 4 decide a última praza de acceso ao sector nacional. Esta contará coa participación dos equipos clasificados da Liga Ouro, dende o terceiro ao sexto posto. O Ferretería Molares Carballal Balonmán A, SAR Rodavigo, Mecalia Atlético Guardés e o equipo Taberna Os Arcos Asmubal Meaño serán os encargados de facer vibrar as súas afeccións nesta fin de semana cargada de nervios e emoción.
O calendario de competición é o seguinte:
Sábado 12 de abril
– 17:00h Semifinal 1: Ferretería Molares Carballal Balonmán A – Mecalia Atlético Guardés
– 19:00h Semifinal 2: Taberna Os Arcos Asmubal Meaño – SAR Rodavigo
Domingo 13 de abril
– 16:30h 3º e 4º posto
– 18:30h Final
– 19:45h Entrega de premios
Ademais, na entrega de trofeos estarán presentes os dous equipos xa clasificados para o sector nacional: o Grupo Lemaco Xiria A, campión galego, e o Dental Pablo Sieiro Bm Cangas, subcampión da Liga Ouro.
Convidámosvos a todas as persoas afeccionadas ao deporte a desfrutar dunha fin de semana inesquecible de balonmán feminino, nun evento que reunirá a algunhas das mellores xogadoras da categoría cadete de Galicia.



