OURENSE FORMA PARTE DA CANDIDATURA DE ESPAÑA E PORTUGAL PARA ACOLLER O EUROPEO ABSOLUTO MASCULINO 2028

Xa é unha realidade. O pavillón Paco Paz de Ourense será unha das catro sedes españolas que aparecerán na candidatura conxunta de España e Portugal para acoller o Campionato de Europa Absoluto Masculino de Balonmán 2028.

O presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López Molina, reuniuse onte co presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar e o responsable de Deportes, Bernardino González, para pechar o apoio desta institución, para que a cidade de Ourense se converta na única sede galega deste Europeo e unha das catro españolas. Así Ourense compartirá cartel xunto a cidades como Madrid, Valencia ou Málaga.

Ao remate desta reunión, Bruno López quixo agradecer a entusiasta resposta tanto da Deputación de Ourense como da Xunta de Galicia, que se envorcaron nesta candidatura sen dubidar. Ademais, o obxectivo é acadar tamén a colaboración do Concello de Ourense -xa se comezaron a dar os primeiros

pasos-, para que as tres administracións vaian xuntas da man neste interesante proxecto para a cidade das Burgas e para o balonmán galego, que volvería a ser sede dun evento internacional, tal e como sucedeu no ano 2019 co Mundial Júnior de Vigo e Pontevedra.

Por outra banda, o presidente federativo insistiu na importancia que terá este evento para afianzar o proxecto da Federación Galega de fomentar o balonmán nesta provincia, que é un dos seus obxectivos a curto prazo. A federación quere apoiar o gran traballo que están a realizar os clubs da provincia para lograr, entre todos, que o noso deporte estea cada vez máis implantado en Ourense.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *