A iniciativa da Federación Galega de Balonmán, impulsada pola Deputación de Pontevedra, reúne na Guarda a técnicos, árbitros e deportistas dos dous lados do Miño e terá no II Torneo Transfronteirizo o seu laboratorio práctico
A Guarda, 30 de outubro de 2026. O Centro Cultural da Guarda acolleu esta tarde a presentación da Aula Miño, as I Xornadas Transfronteirizas de Formación en Balonmán (Galicia–Portugal), que a Federación Galega de Balonmán celebra ata o domingo 1 de novembro en colaboración coa Associação de Andebol do Porto e co apoio da Deputación de Pontevedra.
O acto contou coa participación de Roberto Álvarez Carrero, alcalde da Guarda e deputado de Cooperación Transfronteiriza e Relacións Institucionais da Deputación de Pontevedra, e de Daniel Benavides, xefe do Servizo Provincial de Deportes de Pontevedra da Xunta de Galicia, xunto ao presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López.
UN ESPAZO DE FORMACIÓN COMÚN ÁS DÚAS BEIRAS DO MIÑO
O balonmán galego e o portugués comparten fronteira, pero ata agora non contaban cun espazo formativo común. Os técnicos de cada lado traballan con modelos de formación, categorías e criterios arbitrais distintos. A Aula Miño nace para poñelos en contacto, contrastalos e aprender uns dos outros.
O programa suma 14 horas lectivas dirixidas a técnicos e técnicas, árbitros, oficiais e deportistas en idade de formación. Combina relatorios, mesas técnicas nas que un relator galego e outro portugués dan a súa resposta a un mesmo problema, e talleres de pista nos que o alumnado técnico dirixe sesións con deportistas baixo a supervisión dos relatores.
Entre os contidos figuran a prevención de lesións no balonmán base, a metodoloxía do adestramento nas categorías infantil e cadete, o regulamento comparado e o criterio arbitral, e o equipo técnico arredor do deportista novo.
O TORNEO TRANSFRONTEIRIZO, LABORATORIO DA AULA MIÑO
O traballado nas aulas levarase á pista no II Torneo Transfronteirizo, no que as seleccións galegas de base se enfrontarán a equipos da Associação de Andebol do Porto. Os partidos funcionarán como laboratorio da Aula Miño: os técnicos participantes seguirán cada encontro cunha ficha de observación técnica e analizarán despois o visto en sesión conxunta.
A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA, FUNDAMENTAL PARA FACER POSIBLE O PROXECTO
A Federación Galega de Balonmán quere destacar o apoio da Deputación de Pontevedra, imprescindible para levar adiante a Aula Miño. O respaldo da institución provincial permite crear un espazo de formación e cooperación transfronteiriza no territorio da Foz do Miño, que reforza o tecido deportivo da provincia e sitúa o balonmán como elemento de unión entre Galicia e Portugal.
A iniciativa nace con vontade de continuidade, alternando sede entre as dúas beiras do río. Ao remate das xornadas elaborarase un documento de conclusións con recomendacións para os técnicos de ambos os países.














