Ribadavia será a sede da preparación dos Hispanos Júnior de Balonmán cun encontro fronte a USA.

O encontro fronte ao combinado absoluto de U.S.A. servirá para celebrar o acto inaugural da nova pista que o Concello de Ribadavia instalou no pavillón do Consello.

Ribadavia acollerá do 11 ao 17 de marzo a preparación do combinado nacional de balonmán, unha xeración que ven de proclamarse campioa do mundo e de Europa na categoría xuvenil. O equipo, dirixido polo actual adestrador do Club Cisne, Javier Fernández; contará no seu staff con máis acento galego: a técnica Carla Abad, o fisioterapeuta Mauro Montero e o médico Ángel Quirós, forman parte da expedición que se preparará de cara o vindeiro Campionato de Europa na vila ourensá.

Os irmáns Cikusa, Ian Barrufet, Alejandro Pisonero, Óscar Grau,..; son algúns dos nomes que de seguro lle soaran a moita xente por mor duns apelidos cheos de historia no mundo do balonmán; pero a maioría destas xoves promesas que completan a convocatoria de Javier Fenández e Alejandro Mozas, xa están a ter un papel importante nos primeiros equipos de clubs coma o FC Barcelona, Granollers, Atl. Valladolid, Ademar León, etc; nalgún caso coma o de Petar e Djordje Cikusa, chegaron a debutar co combinado nacional absoluto de Jordi Ribera.

A selección española permanecerá concentrada de luns a domingo en Ribadavia; os Hispanos terán o privilexio de estrear o novo pavimento que o concello instalou no pavillón O Consello, realizarán sesións en ximnasio e o sábado enfrontaranse ao combinado absoluto de U.S.A., unha selección que ven de disputar o último mundial e que ademais conta nas súas filas co galego Álex Chan, que goza da dobre nacionalidade. Álex, terá a oportunidade de xogar co combinado americano na súa terra e ante moitas das súas amizades que de seguro se achegarán a Ribadavia a alentar a desfrutar do espectáculo. O encontro celebrarase o sábado 16 ás 18:00 horas e a entrada será de balde; previo ao encontro realizarase o acto institucional de inauguración do novo pavimento.

O concello de Ribadavia, a través do Consello Municipal de Deportes, organizou dous adestramentos de portas abertas nas mañás do martes e do xoves, para que todos os escolares da zona poidan desfrutar da estancia dos Hispanos na vila; o mércores ás 12:30, o Concello de Ribadavia realizará unha recepción oficial á expedición española na casa consistorial.

A chegada do combinado nacional júnior a Ribadavia supón o primeiro dunha serie de eventos internacionais que a Federación Galega de Balonmán promoveu en diferentes puntos da xeografía galega; xa que nos vindeiros meses, as Guerreras e os Hispanos estarán en O Porriño e Lalín respectivamente, para afrontar importantes encontros clasificatorios para o europeo e o mundial.