A SELECCIÓN GALEGA INFANTIL FEMININA É SUBCAMPIONA DE ESPAÑA

O combinado galego dirixido pola guardesa Elena Estévez acadou un meritorio segundo posto nun campionato no que as xogadoras foron de menos a máis.

As minigalaicas tiveron unha fase de grupos moi dura, caendo na xornada inaugural (marcada polo nerviosismo) contra Castela A Mancha e obrigándose a facer os deberes nos días posteriores contra as seleccións de Cantabria e Canarias.

Os cuartos de final contra Castela e León confirmaron que as discípulas de Elena Estévez, Danijela Savic e Alberto Rodríguez, lle estaban a coller o punto ao CESA; o incremento na participación das extremos, as intervencións da portería en momentos clave, o lanzamento exterior, as penetracións sucesivas e as conexións coas pivotes dende a primeira liña deron o seu froito, un xogo cimentado nunha defensa proactiva que provocaba numerosos erros no equipo rival desembocou no definitivo 20-19 en prol das galegas.

Andalucía foi un duro rival nas semifinais celebradas en Malgrat de Mar, chegando a superar ás minigalaicas en seis goles na segunda metade. Os últimos dez minutos foron de infarto, os axustes defensivos provocaron as recuperacións de balón que propiciaron os contraataques da remontada; 20-25 final no eletrónico que metía a Galicia na pelexa polo ouro.

A final contra o equipo anfitrión foi igualada ata a primeira metade, pero o cansancio, sumado ás importantes baixas coas que contaba o equipo fixeron imposible superar a unha Cataluña con máis fondo de armario, que fixo o percorrido do CESA dende a competición de Copa, o cal lle permitiu chegar con máis forzas á xornada de clausura.
Compre lamentar a lesión de Antía que non puido participar nos tres últimos e decisivos encontros, ademáis da baixa de Ánxela para a final, que ao igual que gran parte da expedición galega, sufriu un cadro febril con vómitos e deshidratación, que lle impediu participar.

A medalla de prata acadada polo equipo infantil feminino é a recompensa ao traballo de todos os estamentos que compoñen o Balonmán Galego; noraboa a todos e todas, e gocemos desta hexemonía galaica!