O público regresa aos pavillóns despois de dúas xornadas a porta pechada por mor da agresión sufrida por un afeccionado nun dos encontros de base.
No día de onte a Federación Galega de Balonmán reuniuse cos clubs e co colectivo arbitral para expor o traballo realizado durante este mes de confinamento deportivo, coa intención de establecer unhas pautas básicas para que a volta do público aos encontros oficiais non supoña un regreso á situación de partida no que a comportamentos se refire.
Dende a federación, durante estes trinta días, realizáronse estudos que permitiron analizar e diagnosticar o problema da violencia no noso deporte dun xeito máis pormenorizado; posteriormente, traballouse en medidas que poidan erradicar a violencia verbal, a violencia física, os comportamentos intimidatorios ou as actitudes discriminatorias dentro do balonmán galego.
Dende o ente autonómico presentouse o “Plan Estratéxico Contra a Violencia no Balonmán Galego”, un documento base que recolle as oito liñas de traballo nas que se centrará a federación para erradicar a violencia nas súas competicións. Este plan irase implantando de xeito gradual nos vindeiros meses, coas súas primeiras iniciativas esta mesma fin de semana. As infografías aclaratorias sobre como debe ser o comportamento dos afeccionados/as ou como deben reaccionar ante casos de violencia tratarán de informar e concienciar da importancia do respecto e do control das emocións por parte de todos os/as participantes nun encontro de balonmán.
O protocolo de saúdo inicial antes do comezo dos encontros tamén foi estandarizado, tratando de visibilizar a loita contra a violencia e de sensibilizar coa causa a todos os axentes que intervirán nos diferentes encontros. A Federación está a traballar nun código de conduta e un plan de formación na prevención e resolución de conflitos para implantar en todos os clubs galegos, dirixido a deportistas, staff, directivos/as e afeccionados/as. Ademais nos vindeiros días reunirase a Comisión Delegada para realizar cambios substanciais na normativa actual, que aporten maior seguridade ao balonmán galego.
Bruno López, presidente da Federación Galega de Balonmán, comentou: “durante este mes traballamos duramente para ter unha base sobre a que poder emprender o camiño na dirección correcta, moita xente seguirá a pensar que a medida de xogar a porta pechada tan só buscaba a reflexión colectiva, e para nada; tivemos tempo de asesorarnos e informarnos para analizar e diagnosticar obxectivamente o problema real da violencia no noso deporte, así como para establecer as medidas que nos poidan levar a un balonmán máis seguro para todos e todas”.
A Federación Galega de Balonmán informou de que a tolerancia arbitral ante calquera tipo de violencia diminuirá notablemente: “non imos a normalizar insultos, protestas, comportamentos discriminatorios ou agresións; se a un xogador ou xogadora lle estamos a recriminar cada un dos erros que comete durante o encontro, é moi probable que non desfrute e cambie de deporte; o mesmo pasa co colectivo arbitral, eles/as son uns deportistas máis…, e quen non estea disposto a soportar os erros que se poidan cometer por parte dos colexiados, dos xogadores/as ou do staff é mellor que non vaia a ver balonmán e busque unha modalidade perfecta e menos emocionante”.
A Federación Galega de Balonmán confía en que o balonmán galego sexa pioneiro nunha loita na que non vale poñerse de perfil.