Triste noticia para o balonmán galego; Andrés, o espectador agredido nun encontro de balonmán de categorías de base o 15 de decembro de 2024, faleceu na madrugada de hoxe tras estar máis de dous meses hospitalizado e non poder superar as graves lesións sufridas o fatídico 15 de decembro de 2024.
A familia de Andrés, quere agradecer publicamente a todo o persoal do Hospital Álvaro Cunqueiro, en especial ao da área F 2, UCI 2 e REA 2, a súa profesionalidade, a súa atención e a empatía amosada durante estes máis de dous meses de pesadelo.

A Federación Galega de Balonmán publicou unha carta dirixida á vítima:
«Encantaríanos poder dicirche tantas cousas que non sabemos por onde comezar, pero o que si temos claro é que hoxe imos dicir o que levamos tempo querendo dicir.
Co risco de equivocarnos, cremos que o máis lóxico sería comezar polas desculpas, así que antes de nada: PERDÓN. PERDÓN por non ser capaces de impedir o fatídico suceso que desgraciadamente nos leva a escribir estas sinceras pero orfas palabras. PERDÓN por chegar tarde; PERDÓN por non avisar e por non ter sido capaces de transmitir de xeito eficiente que sen respecto nada disto ten sentido. PERDÓN por non parar antes, por non envorcarnos dende o primeiro conflito na loita contra esta lacra; PERDÓN por non acadar que máis de un entenda que a violencia non só é cousa de golpes. PERDÓN por non lograr que quen lexisla e regula, a lo menos intúa que o que hai non chega. PERDÓN por non poñer fin a que uns desfruten a costa de que outros sufran. PERDÓN por sentirnos sos; PERDÓN polo despropósito de que quen provocou a túa partida aínda teña máis que dicir e siga a facer vida normal; PERDÓN por todas esas persoas que non ven o problema porque non lle tocou de preto. PERDÓN por non ser capaces de impedir a túa viaxe.
GRAZAS por permitirnos coñecer a túa estupenda e unida familia; GRAZAS por ser un exemplo e promover o que o balonmán debería sementar, GRAZAS pola túa implicación, polo teu agarimo; GRAZAS por sacrificarte para cambiar algo que moitos negan; GRAZAS por dar a oportunidade de romper con todo isto. GRAZAS por estar aí Andrés, GRAZAS porque sabemos que aínda que non te vexamos nos nosos pavillóns, sempre estarás con nós.
D.E.P Amigo, moito ánimo e a aperta máis grande do mundo para a túa familia de parte de todo o balonmán galego».
#NinUnhaMáis
#Respecto
#FóraDoNosoDeporte
#AsíNon