COMUNICADO OFICIAL: PARALIZACIÓN DA ACTIVIDADE FEDERADA

No día de onte coñecemos, a través dos medios de comunicación, a comparecencia do conselleiro de Sanidade onde anunciou a paralización da actividade federada a nivel autonómico. Posteriormente, pola tarde, todas as federacións celebramos unha reunión co secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, na que manifestamos a nosa opinión sobre unha decisión que consideramos inxusta, xa que non está motivada en datos de contaxios.

A realidade é que no balonmán galego non houbo contaxios e por iso consideramos que é unha medida inxustificada, pero tamén anunciamos que, unha vez máis, imos dar exemplo e acatar á decisión da autoridade sanitaria e cumprir as normas de forma escrupulosa. Imos facer iso que lle pedimos e esiximos as autoridades: Responsabilidade e solidariedade nunha situación moi complicada a nivel sanitario.

Dende a Federación Galega de Balonmán queremos enviar unha mensaxe de ánimo aos nosos clubs, xuntas directivas, adestradores/as, corpo arbitral, a todas as persoas, maiores e nenos/as, que practican o noso deporte… Coñecemos o esforzo que realizastes todos e todas para volver á competición, como os esforzastes en cumprir os protocolos e é moito o orgullo que sentimos polo comportamento da familia do balonmán galego durante a pandemia. Outra vez tócanos dar exemplo e cumprir as normas para, entre todos, frear esta onda de contaxios que non deixa de medrar.

Iso si, queremos dicirvos que dende xa a Federación comeza a traballar pensando na reactivación da actividade. Non nos imos render, esa é unha palabra que non aparece no noso vocabulario, polo que, despois dunhas horas moi duras intentando asimilar unhas medidas inxustas e inmerecidas, poñémonos en modo traballo e xa estamos na busca de solucións para regresar coa forza que nos representa.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *