O IFEVI roza o cheo absoluto para o encontro da EHF EURO Cup, con case o 90 % das entradas
vendidas e unha capacidade para 5.000 espectadores
O IFEVI prepárase para vivir este domingo, 8 de novembro, ás 18:00 horas, unha das grandes citas do balonmán internacional. España e Portugal volverán verse as caras na EHF EURO Cup, nun encontro que está a espertar unha enorme expectación e que apunta a converterse nunha auténtica festa do balonmán.
A resposta da afección está a superar as expectativas. Con case o 90 % das localidades vendidas e un aforo de 5.000 espectadores, todo apunta a que o recinto vigués presentará unha das mellores entradas para un encontro internacional de balonmán celebrado en Galicia.
As últimas entradas están dispoñibles en entradas.fgbalonman.com. A Federación Galega de Balonmán lembra que os prezos na taquilla do recinto serán 5 euros superiores aos da venda anticipada en liña.
Unha conta pendente con Portugal
Os Hispanos chegan a Vigo cun obxectivo que vai máis alá da propia competición: romper a dinámica dos últimos enfrontamentos ante Portugal.
A selección lusa impúxose nos tres últimos duelos entre ambos os combinados nacionais: 35-29 na rolda principal do Mundial de 2025, 34-31 na final do Torneo Internacional de España de xaneiro de 2026 e 35-27 na rolda principal do Europeo de 2026, disputada en Herning. Esta última vitoria supuxo, ademais, o primeiro triunfo portugués sobre España nunha fase final dun Campionato de Europa.
O IFEVI converterase así no escenario dunha nova oportunidade para os Hispanos, que contarán co apoio dunha afección entregada para tentar cambiar o rumbo desta rivalidade.
Un encontro con protagonismo vigués
A cita contará tamén con dous nomes especialmente vinculados á cidade.
A viguesa Cristina Fernández Piñeiro, referente histórico da arbitraxe feminina, exercerá como delegada da Federación Europea de Balonmán (EHF). Exárbitra internacional e pioneira na arbitraxe de máximo nivel, regresará a un gran escenario deportivo na súa propia cidade.
Pola súa banda, Paulo Pereira, seleccionador de Portugal, vivirá un encontro especialmente significativo. O técnico portugués reside desde hai anos en Vigo xunto á súa familia e terá a oportunidade de dirixir o combinado luso na cidade que tamén considera o seu fogar.
Unha fin de semana de balonmán para todas as idades
O España–Portugal será o prato forte dunha fin de semana na que Vigo e a súa contorna respirarán balonmán.
O sábado 7 de novembro, ás 18:30 horas, as seleccións xuvenís masculinas de España e Portugal mediranse en Salceda de Caselas, nun novo encontro internacional entre ambos os países.
Ademais, desde a tarde do venres ata o domingo, o IFEVI acollerá a Copa 5×5 de Balonmán na Rúa Deputación de Pontevedra, coa participación de equipos das categorías benxamín e alevín.
Deste xeito, o recinto converterase durante tres días nun punto de encontro para diferentes xeracións de deportistas e afeccionados, combinando a ilusión do balonmán de base co espectáculo da elite internacional.
Vigo, escaparate do balonmán internacional
A celebración deste encontro supón tamén unha oportunidade para proxectar a imaxe de Vigo e de Galicia como escenarios capaces de acoller grandes acontecementos deportivos.
A chegada de afeccionados desde distintos puntos de Galicia, do resto de España e de Portugal permitirá que o evento transcenda o ámbito estritamente deportivo e contribúa á promoción da cidade, da súa oferta gastronómica e do seu atractivo turístico.
Desde a Federación Galega de Balonmán quérese destacar especialmente o apoio da Deputación de Pontevedra, fundamental para facer posible a celebración deste acontecemento e continuar achegando á provincia o balonmán do máis alto nivel. O encontro conta tamén coa colaboración da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.
Información para os afeccionados/as
A Federación Galega de Balonmán recomenda acudir ao IFEVI con suficiente antelación para facilitar o acceso ao recinto.
As portas abriranse ás 17:00 horas, unha hora antes do comezo do encontro, previsto para as 18:00 horas.
O partido poderá seguirse tamén en directo a través de Teledeporte.




