O PIZZERÍA BARATTO LUCEROS CONQUISTA A FINAL 4 CADETE MASCULINA NO GATAÑAL

Os cangueses impuxéronse nunha emocionante final ao Club Cisne Colegio Los Sauces wtras un torneo cheo de igualdade, ritmo e talento na categoría. 

Primeira semifinal da Final 4 cadete masculina disputada en Cangas, contou con moita igualdade nos primeiros momentos de partido. O Club Cisne Colegio Los Sauces e o Bm Culleredo Despreocupate.es mediron forzas nun duelo intenso que se rompeu mediada a primeira parte, cando o equipo pontevedrés comezou a marcar diferenzas no marcador.

O Club Cisne Colegio Los Sauces chegou ao descanso cunha vantaxe de 19-14, aproveitando algúns erros e perdas do Bm Culleredo Despreocupate.es. A segunda metade mantivo o mesmo guión, co Cisne consolidando a súa superioridade pese aos intentos dos coruñeses por achegarse.

As intervencións nas porterías mantiveron a emoción por momentos, pero as múltiples perdas de balón do Bm Culleredo Despreocupate.es o penalizaron en exceso, deixando o resultado final nun 37-27 a favor do conxunto pontevedrés, que conseguiu así o pase á gran final do domingo.

A segunda semifinal da Final 4 cadete masculina deparou un intenso duelo entre o Pizzería Baratto Luceros e o Balonmán Chapela, que comezou con moita igualdade e cun protagonismo absoluto das porterías. Óscar, por parte do Balonmán Chapela, e Hugo, defendendo a meta do Pizzería Baratto Luceros, foron claves na primeira metade con intervencións espectaculares.

O Pizzería Baratto Luceros conseguiu abrir unha pequena fenda no marcador, chegando ao descanso cun 15-12 a favor, pero o Balonmán Chapela non se descolgaba e seguía pelexando cada balón.

Nada máis comezar a segunda parte, o Pizzería Baratto Luceros saíu moi enchufado e logrou un parcial que lle permitiu colocarse sete goles por riba no minuto 7. O Balonmán Chapela non baixou os brazos en ningún momento e mantivo un ritmo alto e constante, pero a diferenza oscilaba entre 5 e 7 goles, sen lograr achegarse máis.

O partido rematou cun 34-29 a favor do Pizzería Baratto Luceros, que accede así á gran final deste domingo, tras un encontro de altísimo nivel protagonizado tamén polas grandes actuacións das dúas porterías.

O encontro polo terceiro posto da Final 4 cadete masculina enfrontou ao Balonmán Chapela e ao BM Culleredo Despreocupate.es nun partido marcado polas alternancias e as rachas de ambos equipos. As perdas do Culleredo e a boa actuación baixo paus do porteiro do Chapela, Javier, marcaron a diferenza ao descanso (21-17).

Na segunda metade, o BM Culleredo Despreocupate.es  saiu con máis orde e calma no xogo, logrando igualar o marcador. Con todo, as accións individuais de Lois Alonso e Mateo Lago, moi efectivos no un contra un, foron determinantes para que o Balonmán Chapela recuperase o control do partido.

Xa no treito final, o equipo redondelán mantivo a superioridade e pechou o encontro cun 39-34, proclamándose así terceiro clasificado desta emocionante Final 4.

O Pizzería Baratto Luceros proclamouse campión da Final 4, logo de impoñerse na final ao Club Cisne Colegio Los Sauces nun partido intenso e moi igualado, que mantivo a emoción ata o final.

O equipo cangués levou a iniciativa no marcador durante boa parte do encontro, chegando ao descanso cun axustado 18-15, a pesar de xogar en inferioridade durante varios minutos. O Club Cisne Colegio Los Sauces, liderado por  Hugo Carreira baixo paus, resistía grazas ás súas intervencións malia as perdas cometidas.

Na segunda metade, o empate a 22-22 no minuto 40 deixaba todo aberto. O Pizzería Baratto Luceros logrou abrir unha brecha de +5, pero os pontevedreses reaccionaron e volveron achegarse no electrónico. As paradas decisivas de Hugo Bouso, gardameta do Pizzería Baratto Luceros e elixido MVP, foron claves para manter a vantaxe.

Os erros nos minutos finais penalizaron ao Club Cisne Colegio Los Sauces, que non puido culminar a remontada. O 34-31 final proclamou finalmente ao Pizzería Baratto Luceros como campión desta Final 4 cadete masculina.

Con isto, o Pizzería Baratto Luceros únese ao Federópticos Pereiro Lalín, campión galego, que xa contaba coa súa praza para o sector nacional.