O VENRES 26 DE XUÑO, NOVA XORNADA DE FORMACIÓN PARA O COLECTIVO ARBITRAL GALEGO

Son xa varios os meses sen poder saír ás pistas, pero o colectivo arbitral galego non deixou de traballar. Nestes meses sen competición houbo formación continuada para todos e todas, co obxectivo de seguir mellorando e aprendendo día a día.

Así, mañá venres 26 de xuño (a partir das 19:30 horas) haberá unha conferencia dobre, con dous puntos de vista diferentes pero necesariamente complementarios. Comezará a xornada coa charla «As reflexións dun árbitro autonómico» do colexiado galego Erik Fernández, na que fará un percorrido pola súa traxectoria, falará sobre aspectos a mellorar e obxectivos de futuro.

Posteriormente, a ponente será a responsable da área técnica da Federación Galega, Elena Estévez, que explicará aos nosos colexiados e colexiadas como se fai a «Observación e seguemento dos xogadores con potencial para participar nas seleccións galegas».

A volta ás pistas está cada vez máis preto e regresaremos máis formados e mellores!


Debes ser identificado introducir un comentario.