A COPA 5X5 CHEGA Á ESTRADA PARA POÑER O BROCHE DE OURO Á FESTA DO BALONMÁN NA RÚA NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA

Copa 5×5 de Balonmán na Rúa da Deputación de Pontevedra 2025 chega esta fin de semana ao Concello da Estrada, poñendo o punto final a catro semanas cheas de diversión, deporte e convivencia nas rúas da provincia.

Esta última parada do circuíto converterase nunha auténtica festa do balonmán e da participación, cun formato aberto e pensado para que todos e todas poidan desfrutar da experiencia. A actividade contará con música, animación, sorteos e moito ambiente, mantendo o espírito que fixo da Copa 5×5 unha cita esperada en cada vila que visita.

A Federación Galega de Balonmán anima a todas as familias e afeccionados/as a achegarse á Estrada para vivir esta gran fin de festa. Ademais,os nenos e nenas que non estean inscritos previamente tamén poderán participar: só teñen que pasar pola instalación, falar cos compañeiros e compañeiras da Federación, e alí mesmo realizarán a inscrición para poder xogar e desfrutar do evento.

Esta derradeira cita é o colofón a un mes de balonmán, deporte e convivencia que percorreu diferentes concellos da provincia e que, grazas ao patrocinio da Deputación de Pontevedra, fixo posible achegar o balonmán á rúa, fomentando a práctica deportiva, a inclusión e os valores do xogo limpo.

Desde a Federación Galega de Balonmán queremos agradecer en especial á Deputación de Pontevedra a súa implicación, facendo posible que esta iniciativa siga medrando ano tras ano e converténdose nun referente do deporte galego ao aire libre.

A Estrada convértese así no epicentro do balonmán galego na rúa.
Non perdas a oportunidade de formar parte desta gran festa!