A Federación Galega de Balonmán clausurou no Pavillón do Restollal o III Torneo Internacional de Balonmán da Deputación da Coruña, celebrado esta fin de semana en Santiago de Compostela e que reuniu ás seleccións infantil e cadete, masculinas e femininas, de Galicia, da Associação de Andebol do Porto e da Federación de Balonmano del Principado de Asturias.
Foron dous días de competición intensa, convivencia e adestramentos, que serven tamén para poñer fin á primeira proba de preparación das seleccións galegas en camiño ao CESA 2026, que terá lugar do 3 ao 8 de xaneiro en Cataluña.
Clasificacións finais do torneo:
Infantil Masculina
🥇 Federación Galega de Balonmán
🥈 Associação de Andebol do Porto
🥉 Federación de Balonmano del Principado de Asturias
Infantil Feminina
🥇 Federación de Balonmano del Principado de Asturias
🥈 Federación Galega de Balonmán
🥉 Associação de Andebol do Porto
Cadete Masculina
🥇 Federación Galega de Balonmán
🥈 Federación de Balonmano del Principado de Asturias
Cadete Feminina
🥇 Federación Galega de Balonmán
🥈 Federación de Balonmano del Principado de Asturias
Durante toda a fin de semana, tanto no Restollal como na USC, puidéronse ver partidos de gran nivel, nun ambiente cun gran apoio das familias, afeccionados/as e xogadores e xogadoras de base que se achegaron para animar ás seleccións galegas.
Dende a Federación Galega de Balonmán agradecemos especialmente á Deputación da Coruña pola aposta decidida por este formato internacional; á Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia polo apoio permanente ao proxecto deportivo autonómico; ao Concello de Santiago de Compostela e á Universidade de Santiago de Compostela pola súa colaboración esencial nesta edición; e ao Club Ribadosar pola axuda loxística no desenvolvemento do torneo. Sen eles, e sen as familias e afección galega que nos acompañaron durante toda a fin de semana, este éxito non sería posible.
O III Torneo Internacional de Balonmán da Deputación da Coruña volve demostrar que Galicia continúa avanzando con paso firme, con talento, con formación e con identidade deportiva propia no camiño cara ao Campionato de España.
Moi pronto compartiremos máis información sobre as seguintes actividades das nosas seleccións galegas.

















