Na tarde de onte, a xunta directiva da Federación Galega de Balonmán reuniuse con todos os clubs galegos para falar sobre a situación actual provocada pola COVID-19. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, e varios membros do seu gabinete tamén participaron na xuntanza coa finalidade de dar claridade á situación e resolver calquera dúbida que puidese xurdir.
Jose Ramón Lete aclarou a situación da regulación actual a causa da COVID-19 e insistiu na ausencia de competencias da Secretaría Xeral para o Deporte sobre as competicións de ámbito nacional, sendo plenamente consciente da problemática actual e solicitando ao Consejo Superior de Deportes que dite unhas directrices claras que poidan dar solución á incerteza na que están a traballar os clubs galegos que participan nas competicións estatais.
Bruno López, presidente da Federación Galega de Balonmán, transmitiu a súa preocupación pola situación na que se atopan os equipos de categoría nacional e púxose a disposición dos mesmos para colaborar no posible. De todos os xeitos, tras conversas co presidente da Real Federación Española de Balonmano, confirmou que dende a nacional están a traballar para que se unifiquen os criterios e o balonmán non se resinta.
Bruno López fixo especial fincapé na importancia de retomar a actividade nas categorías de base e sénior de carácter autonómico e deixou claro que a situación non é doada, pero que a Federación Galega de Balonmán traballará para estar á altura das circunstancias e proporá solucións para que o tecido balonmanístico autonómico comece a rodar o antes posible: “o balonmán está tocado pero non estamos afundidos nin moito menos, esta situación vai supoñer unha oportunidade para amosar do que é capaz o balonmán galego, e se federación e clubs traballamos unidos, imos saír adiante con nota alta”, asegurou o presidente.
Na xuntanza tamén se aproveitou para matizar algúns aspectos importantes do protocolo de volta a actividade da Federación Galega de Balonmán e para intercambiar experiencias entre os diferentes clubs que xa están a comezar coa súa actividade.
O balonmán galego retomará a actividade adaptándose á regulación vixente en cada momento, e preparado para saír con máis forza que nunca.
Debes ser identificado introducir un comentario.