A COPA 5X5 DE BALONMÁN NA RÚA CHEGA DE NOVO A CEDEIRA TRAS O ÉXITO DA PASADA EDICIÓN

A Copa 5×5 de Balonmán na Rúa da Deputación da Coruña regresa esta semana ao Concello de Cedeira, unha das sedes máis destacadas do circuíto, tras converterse o ano pasado nun auténtico éxito de participación, ambiente e implicación da comunidade educativa e deportiva local.

Durante catro días, Cedeira volverá encherse de deporte, convivencia e diversión, ofrecendo unha nova oportunidade para que nenos e nenas poidan iniciarse ou seguir gozando do balonmán en formato 5×5, unha modalidade adaptada, dinámica e pensada para que todas e todos poidan xogar.

Xogas connosco?

A Federación Galega de Balonmán e o Concello de Cedeira animan a todas as familias, e centros educativos da comarca a sumarse a esta festa do balonmán.
Como sempre, os menores que non estean inscritos previamente poderán anotarse no propio recinto, acudindo ao punto da organización, onde o equipo da FGBm os axudará a completar o proceso para que poidan competir sen problema.

ENLACE DE INSCRICIÓN: https://balonmano.misquad.es/detalle_inscripcion_actividad.php?id_actividad=MjI%3D

Unha sede que promete repetir cifras de éxito.

A anterior edición reuniu unha participación masiva de escolares e contou cun ambiente espectacular nas bancadas, con familias e amizades apoiando, celebrando e participando nas dinámicas e sorteos durante toda a xornada.
Todo indica que este ano Cedeira volverá converterse nun referente da Copa 5×5, consolidándose como unha das prazas máis enerxéticas e involucradas do circuíto provincial.

Agradecementos institucionais

Desde a Federación Galega de Balonmán queremos agradecer unha vez máis o apoio da Deputación da Coruña, fundamental para facer posible este proxecto deportivo e educativo un ano máis, así como ao Concello de Cedeira pola súa colaboración constante, facilidades e implicación.