A COPA 5X5 DE BALONMÁN NA RÚA PECHA EN NOIA UNHA SEDE CHEA DE PARTICIPACIÓN E AMBIENTE

Copa 5×5 de Balonmán na Rúa da Deputación da Coruña puxo o punto final á súa sede no Concello de Noia tras varios días de actividade nos que o balonmán foi o gran protagonista, cun balance moi positivo tanto en participación como en ambiente.

Durante a fin de semana, numerosos nenos e nenas achegáronse ás pistas para disfrutar dun formato dinámico e accesible, pensado para que todos e todas poidan xogar, aprender e divertirse arredor do balonmán. Unha vez máis, a Copa 5×5 demostrou ser unha excelente ferramenta para achegar o deporte á rúa e fomentar hábitos saudables desde idades temperás.

O ambiente nas bancadas e arredores das pistas foi outro dos grandes atractivos desta sede, coa presenza constante de familias, amizades e público que animaron aos e ás participantes e se implicaron nas diferentes dinámicas e sorteos propostos ao longo do evento, creando unha auténtica festa do deporte.

Desde a Federación Galega de Balonmán queremos agradecer especialmente o apoio da Deputación da Coruña, fundamental para facer posible este circuíto por diferentes concellos da provincia, así como a colaboración do Concello de Noia, que facilitou os espazos e a organización para o correcto desenvolvemento da actividade.

A Copa 5×5 continúa o seu percorrido pola provincia, levando o balonmán a novos puntos de encontro e mantendo viva a ilusión de pequenos e pequenas deportistas que xa agardan a seguinte cita do circuíto, que será próximamente en Santiago de Compostela.