O BALONMANO PORRIÑO E O CLUB CISNE COLEGIO LOS SAUCES CORÓANSE CAMPIÓNS NA FINAL 4 XUVENIL DE TUI

Unha fin de semana de máximo nivel en Tui deixa emoción, igualdade e dúas finais dominadas polos novos equipos clasificados para o sector nacional.

Pavillón Gustavo Rodríguez de Tui foi o escenario dunha intensa Final 4 Xuvenil Masculina e Feminina, na que o Balonmano Porriño e o Club Cisne Colegio Los Sauces se clasificaron para o sector nacional tras un fin de semana marcado pola igualdade, o alto nivel competitivo e o gran ambiente nas bancadas.

Durante dúas xornadas de competición, algúns dos mellores equipos da categoría ofreceron partidos vibrantes, nos que as porterías tiveron un papel protagonista en moitos momentos clave.

SEMIFINAIS FEMININAS: IGUALDADE E UN PORRIÑO EN CRECEMENTO

A primeira semifinal entre SAR Rodavigo e Balonmano Porriño estivo marcada polos nervios iniciais e unha igualdade constante. O encontro mantívose axustado durante boa parte do tempo, cun 16-15 ao descanso e empates continuos no marcador. Porén, na segunda metade, o Porriño deu un paso adiante, apoiado nunha gran actuación colectiva e na solidez da súa portería, chegando a abrir diferenzas amplas ata pechar o partido cun 30-39 que lles daba o pase á final.

Na segunda semifinal, Escayolas Miguel Santos BM Cangas e Tecnelsa Asmubal Meaño protagonizaron outro duelo moi equilibrado. Cun empate a 14 ao descanso, o partido mantívose aberto ata os últimos minutos, con alternancias e moita tensión. Finalmente, o conxunto cangués soubo xestionar mellor o tramo final para levarse a vitoria por 31-28.

SEMIFINAIS MASCULINAS: AUTORIDADE DE CISNE E TUI

No cadro masculino, o Club Cisne Colegio Los Sauces mostrou a súa superioridade ante o Socaire Arquitectos Bueu Atl. Balonmán, nun partido no que se puxo por diante desde os primeiros minutos. Cunha gran actuación na portería e un ritmo constante, o Cisne ampliou vantaxe ata o 39-31 final.

Pola súa banda, o duelo entre Martínez & De Castro Balonmán Tui e Valinox Novás foi un dos máis espectaculares da fin de semana. O equipo local levou a iniciativa durante gran parte do encontro, pero o Novás non deixou de loitar, reducindo diferenzas nos últimos minutos. Finalmente, o Tui conseguiu manter a vantaxe para impoñerse por 43-41 e asegurar o seu pase á final.

LOITA POLO TERCEIRO POSTO

Na xornada do domingo, os encontros polo terceiro e cuarto posto volveron deixar mostras do nivel competitivo da categoría.

En categoría masculina, o Socaire Arquitectos Bueu Atl. Balonmán impúxose ao Valinox Novás (25-29) nun partido moi igualado, con alternancias no marcador e protagonismo destacado das porterías.

Na categoría feminina, o SAR Rodavigo conseguiu a terceira posición tras vencer ao Tecnelsa Asmubal Meaño nun encontro intenso e moi disputado, no que a eficacia nos momentos decisivos resultou clave para decantar o resultado final.

FINAL FEMININA: UN PORRIÑO IMPARABLE

A final feminina entre Balonmano Porriño e Escayolas Miguel Santos BM Cangas comezou cun ritmo baixo de anotación e gran protagonismo das porteiras, cun 1-1 nos primeiros minutos. Pouco a pouco, o Porriño foi impoñendo o seu xogo, chegando ao descanso cun 12-7.

Na segunda metade, o equipo porriñés saíu totalmente enchufado, ampliando a diferenza rapidamente e sen dar opcións ao rival. Cun ataque moi efectivo e un xogo sólido en todas as liñas, o Porriño acabou impoñéndose con claridade por 31-23, proclamándose campión da Final 4 Xuvenil Feminina 2026 cunha actuación moi completa.

FINAL MASCULINA: O CISNE IMPÓN O SEU RITMO

Na final masculina, o Club Cisne Colegio Los Sauces enfrontouse ao Martínez & De Castro Balonmán Tui nun partido no que os pontevedreses foron de menos a máis. Tras un inicio igualado, o Cisne conseguiu abrir vantaxe antes do descanso (14-19).

Na segunda metade, o ritmo alto e a intensidade do equipo visitante, xunto cunha gran actuación en portería, permitiron ampliar a diferenza ata un 31-40 final, que lles outorga o título de campión Final 4 Xuvenil Masculina 2026.

ENTREGA DE PREMIOS

Durante a xornada do domingo tamén tivo lugar a entrega de premios aos equipos xa proclamados campións galegos, coa presenza de Buenas Migas Luceros e Calfrima Carballal, que recolleron os seus galardóns como campións, así como Embutidos Lalinense, que fixo o propio como subcampión galego. Estes conxuntos súmanse aos campións desta Final 4, completando así a representación galega nos vindeiros sectores nacionais.

TUI, REFERENCIA DO BALONMÁN GALEGO

A Final 4 Xuvenil volveu converter a Tui, durante esta fin de semana, nun referente organizativo, cun evento que destacou tanto polo nivel deportivo como polo ambiente vivido nas bancadas ao longo de toda a fin de semana.

Desde a Federación Galega de Balonmán quérese agradecer o excelente traballo do Clube Balonmán Tui, así como a colaboración do Concello de Tui, fundamentais para o éxito dunha cita que volveu poñer en valor o balonmán base galego.