A A.D. CARBALLAL ORGANIZARÁ A FINAL 4 DE 1ª AUTONÓMICA MASCULINA E FEMININA 2026

A.D. Carballal será a encargada de organizar a Final 4 de 1ª Autonómica Masculina e Feminina da tempada 2025/2026, que se celebrará os días 2 e 3 de maio de 2026.

Tras a revisión das solicitudes presentadas polos clubs interesados, e unha vez aplicado o sistema de valoración establecido pola Federación Galega de Balonmán, a candidatura do conxunto vigués foi a seleccionada tras acadar a maior puntuación entre as propostas recibidas.

Nesta ocasión a sede será en Chapela, o Pavillón Manuel González Soto, converténdose durante esa fin de semana nun punto de referencia para a competición autonómica, reunindo a algúns dos mellores equipos da 1ª Autonómica nun formato que decidirá os equipos que se farán coa derradeira praza para a fase de ascenso, tanto a 1ª Nacional Masculina como a División de Honra Prata Feminina.

A organización desta Final 4 supón unha oportunidade para seguir impulsando o balonmán galego, tanto a nivel competitivo como organizativo, ofrecendo un evento de calidade no que clubs, xogadores e afección poderán desfrutar dun dos momentos máis importantes da tempada.

Desde a Federación Galega de Balonmán quérese agradecer o interese e a implicación de todos os clubs que presentaron a súa candidatura, así como o compromiso da A.D. Carballal para acoller unha fase final que, sen dúbida, será unha nova referencia dentro do calendario autonómico.

Nos vindeiros días daranse a coñecer máis detalles organizativos relativos á celebración desta Final 4.