A XIRА GALEGA DE BALONMÁN PRAIA 2026 PECHA HOXE O PRAZO DE INSCRICIÓNS

Os clubs interesados en participar no circuíto galego de balonmán praia deberán formalizar a súa inscrición antes de rematar a xornada deste 28 de maio a través da plataforma iSquad

A conta atrás para o comezo da tempada de balonmán praia xa está en marcha. A Federación Galega de Balonmán lembra que este mércores 28 de maio remata o prazo de inscrición para participar na Xira Galega de Balonmán Praia 2026, unha competición que volverá reunir durante os meses de xuño e xullo a centos de xogadores e xogadoras nas diferentes sedes do verán galego.

As inscricións deberán realizarse a través dos clubs mediante a plataforma iSquad, sendo esta a última oportunidade para asegurar unha praza nunha competición que cada ano continúa medrando tanto en participación como en nivel deportivo. Ademais, as prazas son limitadas, polo que se espera un peche de inscricións con gran demanda nas últimas horas.

A edición de 2026 contará cun calendario repartido entre catro citas en diferentes puntos da xeografía galega. A Xira arrancará en Bueu, cunha dobre parada entre os días 4 e 7 de xuño e 11 e 14 de xuño. Posteriormente, a competición trasladarase a Muros, do 2 ao 5 de xullo, antes de pechar a tempada en Vilagarcía de Arousa, do 23 ao 26 de xullo.

Coa chegada do bo tempo e tras o gran crecemento do balonmán praia nos últimos anos, a Xira Galega volve consolidarse como unha das competicións referencia do verán deportivo en Galicia, combinando deporte, praia e ambiente competitivo nun formato que continúa atraendo a clubs e deportistas de toda a comunidade.

Dende a Federación Galega de Balonmán anímase a todos os clubs a completar o proceso de inscrición antes do peche oficial do prazo e a formar parte dunha nova edición dunha competición que xa é sinónimo de verán e balonmán en Galicia.