SUSPENDIDA A PROBA DE BALONMÁN PRAIA CONCELLO DE SANXENXO

Sabíamos que, ao igual que a tempada de pista, a Xira Galega de Balonmán Praia non ía ser algo doado de levar a cabo. A Federación Galega de Balonmán, en consenso co Concello de Sanxenxo e despois de valorar a situación actual en relación ao incremento dos casos de COVID na zona, decidiron suspender a proba de balonmán praia prevista para esta fin de semana.

A aluvión turística prevista para os vindeiros días na praia de Silgar e o incremento de casos positivos nos últimos días na zona, fan que tanto a Federación Galega de Balonmán como o Concello de Sanxenxo decidan non contribuír aínda máis á masificación da localidade do Salnés, preservando así a seguridade de deportistas, organización e público da Xira Galega de Balonmán Praia.

A proba de balonmán praia tiña prevista unha asistencia dun mínimo de tres mil persoas, unha cifra que non nos permitiría garantir as condicións de seguridade óptimas dentro do contexto no que se ía levar a cabo. Dende a organización pedimos desculpas polos problemas que esta decisión poida ocasionar a participantes e público, pero estamos convencidos/as de que é a opción máis sensata nestes momentos.

A Federación Galega de Balonmán quere agradecer as facilidades outorgadas polo Concello de Sanxenxo en todo momento para tomar a decisión máis prudente e razoable; e por suposto, realizamos unha chamada á responsabilidade de toda a cidadanía. A COVID-19 segue aquí. Levamos un ano e medio de moito esforzo para superar un pesadelo no que, desgraciadamente, unha gran parte da poboación quedou atrás. A vacinación vai a bo ritmo, pero non asumamos unha normalidade que aínda non existe. Sexamos responsables e pelexemos por un futuro próximo de garantías.

A organización da Xira Galega de Balonmán Praia

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *