A Praia de San Francisco, en Muros, foi este xoves escenario da presentación oficial do Torneo Clasificatorio Arena 1000 Deputación da Coruña, un acto que marcou o inicio oficial dunha das citas máis destacadas do calendario autonómico de balonmán praia.
Organizado pola Federación Galega de Balonmán, coa colaboración do Concello de Muros e o patrocinio da Deputación da Coruña, o torneo reúne durante catro días a preto de 90 equipos e máis de 1.000 deportistas, outorgando prazas para o Arena 1000 de Cádiz, última parada do Arena Handball Tour, o principal circuíto nacional de balonmán praia e unha competición recoñecida a nivel internacional.
A presentación estivo conducida por Carlos Rodríguez e Katy Adao, da Federación Galega de Balonmán, que guiaron un acto no que se puxo en valor a consolidación da provincia da Coruña como escenario de grandes eventos deportivos e as excelentes condicións da Praia de San Francisco para a práctica do balonmán praia.
No acto participaron Damián Torea, concelleiro de Deportes do Concello de Muros; Caridad González, concelleira de Turismo; Laura Eiras, concelleira de Obras do Concello de Muros; Ignacio Permuy, presidente da Comisión Xestora da Federación Galega de Balonmán; e Bernardo Fernández, deputado portavoz do Goberno Provincial da Deputación da Coruña.
Durante o acto, os representantes institucionais coincidiron en destacar a importancia que supón para Muros, e para a provincia, acoller por primeira vez unha competición oficial de balonmán praia, así como o impacto deportivo, social e turístico que xerará a chegada de centos de deportistas, familiares e visitantes ao municipio durante toda a fin de semana.
Pola súa banda, Ignacio Permuy agradeceu á Deputación da Coruña o seu compromiso co balonmán galego e por acompañar, unha vez máis, á Federación Galega de Balonmán na organización dun evento destas características. Do mesmo xeito, quixo recoñecer o apoio e o intenso traballo realizado polo Concello de Muros para facer posible que a vila acolla por primeira vez unha competición destas dimensións.
A presentación contou coa presenza de máis de 70 xogadores e xogadoras en representación dos clubs participantes, ademais de corpos técnicos, directivos, membros do colectivo arbitral e representantes da Federación Galega de Balonmán, nun recinto que rexistrou un magnífico ambiente e que concluíu coa tradicional fotografía de familia entre autoridades, organización e deportistas.
Tras a presentación oficial, a competición deu comezo na propia Praia de San Francisco, onde durante os vindeiros catro días se disputarán encontros nas categorías alevín mixta, infantil, cadete, xuvenil e sénior, tanto masculina como feminina, convertendo a Muros no epicentro do balonmán praia galego.
Co inicio da competición, Muros reafírmase como un referente do balonmán praia en Galicia, acollendo unha das grandes citas da tempada e poñendo de manifesto o compromiso da Federación Galega de Balonmán, da Deputación da Coruña e do Concello de Muros coa promoción do deporte, a dinamización do territorio e a organización de eventos deportivos de primeiro nivel.













