Bruno López toma posesión como presidente da Federación Galega de Balonmán para un novo mandato

Vigo, 06 de xullo de 2026

Bruno López Molina tomou posesión hoxe como presidente da Federación Galega de Balonmán, iniciando un novo mandato á fronte da entidade tras a finalización do proceso electoral.

A nova Asemblea Xeral da Federación quedou constituída, culminando un proceso desenvolvido con total normalidade e conforme á normativa vixente, abrindo agora unha nova etapa na que a Federación pretende consolidar o traballo realizado nos últimos anos e afrontar novos retos estratéxicos para o balonmán galego.

Durante a súa intervención, Bruno López recoñeceu que a decisión de volver asumir a responsabilidade non foi sinxela.

«Tiven moitas dúbidas porque foron sete anos moi intensos en cun desgaste persoal moi grande, nos que fomos a unha velocidade que en moitas casos superaba o límite da nosa estrutura. A Federación Galega de Balonmán é un reto que require unha dedicación absoluta. Pero, por riba de todo, esixe manter a mente sempre aberta, con capacidade para innovar, cuestionarse o que se fai e buscar constantemente novas formas de mellorar. E iso, co ritmo de traballo que levamos cada día, é probablemente o máis difícil de conseguir.. Finalmente, as circunstancias actuais e, sobre todo, os numerosos proxectos que temos iniciados e os que aínda quedan por desenvolver animáronnos a continuar, polo menos, durante catro anos máis.»

O presidente destacou que este novo mandato estará marcado pola renovación e pola modernización da estrutura federativa.

«Comezamos unha nova etapa na que haberá cambios importantes tanto na Xunta Directiva como na estrutura da Federación. Queremos seguir evolucionando, incorporar novas ideas e rodearnos de persoas con ilusión, capacidade e compromiso para continuar facendo medrar o balonmán galego.»

Entre os principais obxectivos para os vindeiros anos, a Federación Galega de Balonmán centrarase en:

  • Incrementar a visibilidade do balonmán galego.
  • Reforzar a estrutura organizativa da Federación.
  • Impulsar a promoción do balonmán en todo o territorio galego.
  • Mellorar a formación, captación e desenvolvemento do colectivo arbitral.
  • Fortalecer e seguir prestixiando as competicións autonómicas.
  • Axudar aos clubs no seu crecemento, formación, profesionalización e mellora da súa xestión.

Así mesmo, Bruno López confirmou que a Federación xa está a traballar en varios proxectos de gran relevancia para situar Galicia como un referente internacional.

«Estamos a manter conversas moi avanzadas para traer a Galicia varios eventos internacionais de máximo nivel. Queremos que a nosa comunidade siga sendo un escaparate do balonmán e que estes eventos sirvan tamén para inspirar aos nosos/as deportistas, promocionar o noso deporte e xerar un importante retorno económico e social para Galicia.»

O presidente concluíu agradecendo a confianza depositada pola nova Asemblea Xeral e reafirmando o seu compromiso de manter unha Federación aberta, próxima aos clubs e centrada en ofrecer máis e mellores servizos a todas as persoas que forman parte do balonmán galego.

«O único obxectivo desta Federación é seguir facendo crecer o balonmán galego. Temos unha base extraordinaria, clubs que realizan un traballo exemplar e persoas moi comprometidas. Agora tócanos seguir construíndo entre todos unha Federación máis forte, máis moderna e máis útil para todo/as»