Andrés Rosendo asumirá a responsabilidade arbitral na nova Xunta Directiva da Federación Galega de Balonmán

O árbitro de Ribadavia, con experiencia internacional e actualmente na Liga ASOBAL, incorpórase ao proxecto liderado por Bruno López para os vindeiros catro anos

A nova Xunta Directiva da Federación Galega de Balonmán continúa tomando forma. Andrés Rosendo será o próximo responsable da área arbitral dentro do equipo que Bruno López está a conformar para liderar a Federación durante os vindeiros catro anos.

Natural de Ribadavia, Rosendo conta cunha ampla traxectoria na arbitraxe, experiencia internacional e actualmente exerce como árbitro na Liga ASOBAL, máxima categoría do balonmán masculino español. Incorpórase ao novo proxecto federativo con ilusión, novas ideas e co obxectivo de impulsar, modernizar e reforzar o colectivo arbitral galego.

A Federación afronta esta nova etapa desde unha análise realista da situación actual da arbitraxe galega. O importante crecemento experimentado polas competicións nos últimos anos, tanto en número de equipos como de encontros, incrementou de maneira considerable as necesidades arbitrais cada fin de semana. Esta evolución esixe ampliar progresivamente a base do colectivo e continuar xerando perfís coa formación e experiencia suficientes para dar resposta a unha estrutura competitiva cada vez máis ampla.

Neste contexto, unha das grandes prioridades será desenvolver unha ambiciosa campaña de captación de novos árbitros e árbitras, acompañada dun modelo de formación, seguimento e fidelización adaptado á realidade actual.

Bruno López destaca que «o balonmán galego medrou moito e iso é unha magnífica noticia, pero ese crecemento tamén obriga a reforzar todas as estruturas que sosteñen a competición. O colectivo arbitral é unha delas e temos que ser capaces de acompasar a súa evolución ao crecemento dos nosos equipos e competicións».

O presidente electo considera que a chegada de Rosendo representa unha excelente noticia para a arbitraxe galega: «Que un referente como Andrés queira sumarse ao equipo da Federación é un paso moi importante. Ten experiencia ao máximo nivel, coñece a arbitraxe desde dentro e comparte a nosa idea de apostar decididamente pola captación, a formación e o fortalecemento da estrutura arbitral».

López incide tamén na necesidade de evolucionar nas fórmulas de traballo: «As novas xeracións teñen outras necesidades, motivacións e formas de relacionarse co deporte. Temos que entender esa evolución e adaptarnos. Algúns dos factores que hoxe poden parecer hándicaps debemos ser capaces de convertelos en oportunidades para construír un colectivo máis amplo, máis preparado e cun forte sentimento de pertenza».

Pola súa banda, Andrés Rosendo afronta esta nova responsabilidade con enorme ilusión: «Incorpórome con moitísimas ganas e con moitas ideas que queremos desenvolver. Somos conscientes do reto que temos por diante, pero tamén do enorme potencial que existe en Galicia. A captación será importante, pero igual de importante será acompañar, formar e coidar as persoas que xa forman parte do colectivo, así como as novas incorporacións que decidan iniciarse na arbitraxe».

Rosendo subliña que o obxectivo pasa por construír un proxecto con perspectiva de futuro: «Queremos estar preto dos nosos árbitros e árbitras desde os seus primeiros pasos, ofrecerlles ferramentas para evolucionar e xerar unha estrutura que permita desenvolver todo o seu talento. Temos que conseguir que o colectivo arbitral galego sexa un referente».

Coa incorporación de Andrés Rosendo, a Federación Galega de Balonmán dá un paso estratéxico na construción do seu novo proxecto para os vindeiros catro anos, afrontando os retos derivados do crecemento do balonmán galego como unha oportunidade para modernizar, ampliar e fortalecer o colectivo arbitral.