A Praia de Compostela acolle desde hoxe a cita decisiva da tempada, na que se coroarán os campións galegos de balonmán praia 2026 en todas as categorías
A Praia de Compostela, en Vilagarcía de Arousa, foi escenario na tarde de hoxe da presentación oficial da cuarta e última proba da Xira Galega de Balonmán Praia Xunta de Galicia 2026, unha cita que poñerá o punto e final ao circuíto autonómico e que decidirá os campións galegos de balonmán praia en todas as categorías.
No acto, celebrado na pista central das instalacións deportivas da Praia da Compostela, estiveron presentes Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía de Arousa; Bruno López, presidente da Federación Galega de Balonmán; Daniel Benavides, xefe do Servizo Provincial de Deportes de Pontevedra da Xunta de Galicia; o deputado provincial de Acción Comunitaria, Equipamentos Públicos, Fondos Europeos e Estación Fitopatolóxica Areeiro, Javier Tourís; Carlos Coira, concelleiro de Deportes; Álvaro Carou, concelleiro de Turismo; Carla Abad, vicepresidenta da Federación Galega de Balonmán; e José Luis Rodríguez, como representante do club local, o Balonmán Vilagarcía de Arousa, ademais de diferentes persoas vinculadas á organización do evento e clubs participantes.
Durante a presentación destacouse a importancia desta última parada da Xira Galega de Balonmán Praia, que converterá Vilagarcía de Arousa no epicentro do balonmán praia galego durante catro intensas xornadas de competición. Desde a tarde deste xoves e ata a tarde do domingo, centos de xogadores e xogadoras competirán por acadar o título autonómico e pechar do mellor xeito posible a tempada.
A CITA QUE DECIDIRÁ OS CAMPIÓNS GALEGOS
A competición disputarase ao longo da tarde do xoves e do venres, continuará durante toda a xornada do sábado e concluirá o domingo coa disputa das finais de todas as categorías. Unha vez rematados os encontros, celebrarase a entrega de premios ás 18:40 horas, momento no que se coroarán oficialmente os campións galegos de balonmán praia 2026.
Esta cuarta proba será, por tanto, a máis decisiva da tempada, xa que dela sairán os equipos que escribirán o seu nome no palmarés autonómico deste ano.
O APOIO DAS INSTITUCIÓNS AO BALONMÁN PRAIA
Durante as intervencións, as diferentes autoridades puxeron en valor o crecemento do balonmán praia en Galicia e a importancia da colaboración entre administracións, clubs e Federación para facer posible un evento destas características.
Desde a Deputación de Pontevedra destacouse o compromiso da institución co deporte provincial, lembrando que «somos a provincia do deporte», reafirmando o seu apoio ao balonmán en todas as iniciativas que impulsa a Federación Galega de Balonmán, tanto nesta modalidade como nos diferentes eventos que xa se preparan para a vindeira tempada.
Pola súa banda, a Xunta de Galicia puxo en valor a evolución que está a vivir o balonmán, tanto na modalidade de pista como no balonmán praia, destacando o percorrido realizado pola Xira ao longo de sedes como Bueu, Muros e, finalmente, Vilagarcía de Arousa, onde se coñecerán os novos campións galegos.
Desde o Concello de Vilagarcía de Arousa amosouse a satisfacción por volver recibir unha gran competición organizada pola Federación Galega de Balonmán. Durante a intervención destacouse o desexo de consolidar Vilagarcía como sede habitual dos grandes eventos da Federación, lembrando o éxito da Copa e da Supercopa Galicia celebradas a pasada tempada e subliñando o impacto deportivo, social e turístico que supón acoller unha competición destas características.
Pola súa parte, o Balonmán Vilagarcía amosou a súa satisfacción por volver situar a cidade no mapa do balonmán galego, sinalando que este tipo de eventos permiten aos xogadores e xogadoras do club descubrir de preto unha modalidade diferente á que practican durante toda a tempada, vivindo o balonmán praia desde primeira liña.
Desde a Federación Galega de Balonmán, o seu presidente, Bruno López, e vicepresidenta, Carla Abad, agradeceron especialmente a implicación das administracións e de todas as entidades colaboradoras para facer posible a celebración desta última proba da Xira Galega de Balonmán Praia. Durante a súa intervención destacou as facilidades atopadas por parte do Concello de Vilagarcía de Arousa para levar a cabo a montaxe do evento, así como o apoio constante da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, subliñando que «en Vilagarcía tivemos moitas facilidades para poder levar a cabo a montaxe do evento grazas á colaboración do Concello e, unha vez máis, tamén á da Deputación. A praia reúne unhas condicións idóneas para celebrar aquí esta competición, especialmente nesta última proba que pechará a Xira, e non podemos estar máis agradecidos por toda a colaboración recibida.»
VILAGARCÍA, EPICENTRO DO BALONMÁN PRAIA GALEGO
A Federación Galega de Balonmán anima a toda a afección a achegarse durante toda a fin de semana á Praia da Compostela para gozar do mellor balonmán praia galego e acompañar aos equipos participantes nunha competición que decidirá os títulos autonómicos da tempada 2026.
Así mesmo, a Federación quere agradecer o compromiso do Concello de Vilagarcía de Arousa, da Deputación de Pontevedra, da Xunta de Galicia, do Balonmán Vilagarcía e de todas as entidades colaboradoras por facer posible a celebración desta cuarta e última proba da Xira Galega de Balonmán Praia Xunta de Galicia 2026, que volverá converter Galicia nun referente do balonmán praia a nivel autonómico e nacional.













