A SUPERCOPA IBÉRICA E A SUPERCOPA DE ESPAÑA FEMININA CHEGAN AO IFEVI CO MELLOR BALONMÁN DA PENÍNSULA

A Federación Galega de Balonmán organiza en Vigo un dos grandes eventos do inicio da tempada, coa Deputación de Pontevedra como principal patrocinadora e as entradas xa á venda.

O Instituto Feiral de Vigo (IFEVI) converterase esta fin de semana no gran escenario do balonmán da Península coa celebración da Supercopa Ibérica e da Supercopa de España Feminina, dous dos primeiros grandes títulos da tempada que reunirán en Galicia a algúns dos mellores equipos de España e Portugal.

A Federación Galega de Balonmán será a entidade encargada da organización dun evento de primeiro nivel, que conta coa Deputación de Pontevedra como principal patrocinadora e que volverá situar a provincia como referencia na celebración de grandes competicións deportivas.

Durante dúas intensas xornadas, o IFEVI acollerá cinco partidos de máximo nivel, ademais da Gala do Balonmán Feminino, nunha fin de semana que reunirá a clubs, afección e protagonistas do balonmán profesional.

O MELLO BALONMÁN DE ESPAÑA E PORTUGAL, EN VIGO

A Supercopa Ibérica reunirá aos campións e principais referentes do balonmán español e portugués, converténdose nunha competición de carácter internacional que abrirá oficialmente a tempada para algúns dos equipos máis destacados da Península Ibérica.

Xunto á competición masculina, o sábado disputarase tamén a Supercopa de España Feminina, outro dos grandes títulos do calendario nacional e unha oportunidade única para desfrutar do mellor balonmán feminino en Galicia.

HORARIOS DA COMPETICIÓN

A programación da fin de semana será a seguinte:

Venres

  • 17:45 h | Supercopa Ibérica – Semifinal 1 Barça vs FC Porto
  • 20:00 h | Supercopa Ibérica – Semifinal 2 Sporting CP vs Irudek Bidasoa Irún
  • 22:00 h | Gala do Balonmán Feminino

Sábado

  • 16:00 h | Supercopa Ibérica – 3º e 4º posto
  • 18:15 h | Supercopa de España Feminina Rocasa Gran Canaria vs Super Amara Bera Bera
  • 20:30 h | Supercopa Ibérica – Final

MEDIA DAY E ENCONTRO COAS ESTRELAS

A programación da Supercopa Ibérica comezará xa o xoves 3 de setembro cunha actividade especial aberta ao público. A partir das 20:00 horas, na Praza da Estrela de Vigo, celebrarase un Media Day con algúns dos grandes protagonistas que participarán nas Supercopa Ibérica.

A xornada contará con sinaturas de autógrafos, encontro cos afeccionados e diferentes sorpresas que permitirán ao público achegarse aos xogadores que estarán en Vigo durante esta gran cita do balonmán peninsular. Unha oportunidade única para vivir o ambiente da competición antes de que o balón comece a rodar no IFEVI.

ENTRADAS XA Á VENDA

As entradas para asistir ao evento xa se atopan dispoñibles na web da Federación Galega de Balonmán.

O público poderá adquirir un abono para as dúas xornadas (venres e sábado) ou ben unha entrada para a xornada do sábado, adaptándose ás diferentes opcións para vivir o evento.

Ademais, existen códigos desconto dispoñibles a través dos clubs, de diferentes comercios e tamén nas redes sociais da Federación Galega de Balonmán.

Os menores de 6 anos terán entrada de balde.

Enlace de venda de entradas: https://entradas.fgbalonman.com

UNHA NOVA CITA DE PRIMEIRO NIVEL EN GALICIA

A celebración da Supercopa Ibérica e da Supercopa de España Feminina reforza a aposta da Federación Galega de Balonmán por traer a Galicia competicións do máis alto nivel e continuar achegando o balonmán de elite á afección galega.

Desde a Federación Galega de Balonmán convídase a todas as persoas afeccionadas a vivir unha fin de semana única no IFEVI, desfrutando de equipos históricos, grandes figuras do balonmán español e portugués e dous títulos que abrirán oficialmente a tempada 2026-2027.

A Federación Galega de Balonmán quere agradecer especialmente á Deputación de Pontevedra, principal patrocinadora do evento, o seu apoio para facer posible a celebración desta gran cita que contribúe á organización dun evento de dimensión internacional.