O CLASIFICATORIO ARENA 1000 ARRANCA A XIRA GALEGA DE BALONMÁN PRAIA EN BUEU COA MIRADA POSTA EN ORIHUELA

O Clasificatorio Arena 1000 abriu a tempada de balonmán praia e definiu os equipos que representarán ao balonmán galego no Arena 1000 de Orihuela, que se disputará do 19 ao 21 de xuño.

A praia Banda do Río, en Bueu, converteuse esta fin de semana no epicentro do balonmán praia galego coa celebración do Clasificatorio Arena 1000, primeira proba da Xira Galega de Balonmán Praia 2026. A competición, organizada pola Federación Galega de Balonmán co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra, serviu para inaugurar unha nova tempada desta modalidade e para decidir os equipos que representarán ao balonmán galego no Arena 1000 de Orihuela.

Durante tres intensas xornadas, entre o venres 5 e o domingo 7 de xuño, numerosos xogadores e xogadoras chegados de diferentes puntos de Galicia, déronse cita nun escenario privilexiado para gozar dunha competición que combinou espectáculo, deporte e convivencia, consolidando unha vez máis o crecemento do balonmán praia na nosa comunidade.

A nivel deportivo, o Clasificatorio Arena 1000 deixou definidos os representantes galegos para a cita nacional de Orihuela. Nas categorías con competición estatal, os dous primeiros clasificados obtiveron o seu billete para disputar unha das probas máis importantes do calendario nacional.

En categoría infantil feminina, as prazas foron para BMP Petanca e Area Bueu Bon. No cadro masculino, os equipos clasificados foron VEBA A Jradiña Iberport e Balonmano Playa Painkillers.

Na categoría cadete feminina conseguiron a clasificación VEBA Baywatch Galserco e BMP Petanca B, mentres que en cadete masculino lograron o pase Area Bueu Portomaior e VEBA A Jradiña Iberport.

Pola súa banda, en xuvenil feminina representarán a Galicia BMP Anubia Petanca e Area Bueu, mentres que en xuvenil masculina obtiveron a clasificación Balonmano Playa Painkillers e VEBA A Jradiña Iberport.

Nas categorías sénior, AC Kaló Painkillers e Area Bueu serán os representantes galegos en categoría feminina, mentres que Area Bueu e VEBA Os da Jrada Elta 2000 competirán na categoría sénior masculina.

A categoría alevín, que tamén formou parte da competición e segue tendo unha importante presenza dentro da Xira Galega de Balonmán Praia, non conta con clasificación para competicións nacionais, pero volveu demostrar o gran futuro que ten esta modalidade entre os máis novos.

Máis aló dos resultados, a primeira parada da Xira Galega de Balonmán Praia confirmou o excelente momento que vive esta disciplina en Galicia. O crecente número de equipos participantes e a consolidación de proxectos específicos de balonmán praia reflicten unha evolución constante que ano tras ano continúa fortalecendo a competición.

Dende a Federación Galega de Balonmán queremos agradecer especialmente o apoio da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra, entidades que fan posible o desenvolvemento do evento e que continúan apostando polo crecemento desta modalidade deportiva en todo o territorio galego.

A Xira Galega de Balonmán Praia 2026 continuará nas vindeiras semanas co obxectivo de seguir levando o espectáculo do balonmán praia a diferentes areais de Galicia, nunha tempada que acaba de comezar e que promete emoción ata o último lanzamento.