O Pavillón Municipal Gustavo Rodríguez acolleu unha intensa xornada con catro finais da Copa e da Supercopa Galicia, que deixaron catro novos campións autonómicos.
Tui converteuse este domingo no epicentro do balonmán galego coa celebración das finais da Copa Galicia e da Supercopa Galicia. O Pavillón Municipal Gustavo Rodríguez foi escenario dunha xornada maratoniana que reuniu a catro dos grandes protagonistas do noso balonmán e que puxo o punto final á pretempada para dar paso, de maneira oficial, ao novo curso 2026/27.
Catro finais, catro partidos de máxima intensidade e catro equipos que xa poden presumir do seu primeiro título da tempada: Balonmán Atlético Guardés e Frigoríficos del Morrazo Bm Cangas na Supercopa Galicia, e Helvetia Saeplast Cañiza e Teucro Lintel na Copa Galicia.
O CAÑIZA REINA NUNHA FINAL FEMININA DE MÁXIMA IGUALDADE
A xornada comezou coa Copa Galicia feminina, cunha final entre o A.D. Carballal e o Helvetia Saeplast Cañiza.
O encontro estivo marcado pola igualdade e polas alternativas no marcador, con ambos os dous equipos repartíndose o protagonismo durante boa parte dos 60 minutos. O Carballal foi quen de manterse con opcións ata o tramo final, pero o Cañiza soubo xestionar mellor os minutos decisivos e terminou impoñéndose por 25-29.
O conxunto da Cañiza confirmou así o seu gran momento competitivo e engade a Copa Galicia ao seu palmarés tras unha final intensa, na que tivo que traballar ata o último asubío para asegurar o título.
A MVP da final foi Antía Seijo, xogadora do Cañiza, que recibiu o recoñecemento individual tras contribuír de maneira decisiva ao triunfo do seu equipo.
O TEUCRO CONQUISTA A COPA GALICIA NUN ENCONTRO DE MÁXIMA INTENSIDADE
A última final da xornada puxo fronte a fronte a SD Teucro e Bueu Atlético Balonmán, nun duelo marcado pola proximidade xeográfica, a rivalidade e a igualdade.
O Bueu entrou mellor no encontro e chegou a gozar de vantaxes de ata catro goles, obrigando ao Teucro a reaccionar. Os pontevedreses foron capaces de igualar o partido antes do descanso, ao que se chegou co marcador de 15-15.
Na segunda metade, ningún dos dous equipos conseguiu romper definitivamente o encontro durante moitos minutos. O equilibrio mantívose ata o tramo final, cando o Teucro conseguiu impoñer a súa pegada ofensiva e abrir unha diferenza que xa sería definitiva.
O resultado final, 31-28, permitiu á SD Teucro levantar a Copa Galicia e poñer o primeiro título oficial da tempada nas súas vitrinas.
O recoñecemento ao MVP da final foi para Pablo González, porteiro da SD Teucro, que recibiu así o premio individual nunha final na que o seu equipo tivo que superar a resistencia dun Bueu que competiu ata os últimos minutos.
O CANGAS SUPERA A UN OAR ENORME E LEVANTA A SUPERCOPA GALICIA MASCULINA
A continuación chegou a quenda da final masculina da Supercopa Galicia, que non defraudou e deixou un dos encontros máis emocionantes da xornada.
O Frigoríficos del Morrazo Cangas proclamouse campión tras superar ao Attica21 OAR Coruña por 33-35, nunha final na que o conxunto coruñés puxo contra as cordas aos de O Morrazo e na que a igualdade se mantivo ata os minutos decisivos.
O OAR foi capaz de competir de igual a igual durante boa parte do encontro, pero o Cangas soubo responder nos momentos de maior presión e atopou nos minutos finais a precisión necesaria para asegurar o triunfo e levantar o primeiro título oficial da tempada.
O central danés Pelle Boesen foi recoñecido como MVP da final, poñendo o seu nome a un triunfo que permite ao Cangas iniciar o curso 2026/27 cun novo título no seu palmarés.
O GUARDÉS IMPÓN A SÚA LEI NO DERBI E CONQUISTA A SUPERCOPA GALICIA
A final da Supercopa Galicia femenina enfrontou ao Balonmán Atlético Guardés e ao Conservas Orbe Zendal BM Porriño nun novo capítulo do derbi.
O conxunto miñoto fíxose co título tras impoñerse por 24-18, nun encontro no que a igualdade marcou boa parte da primeira metade. O Guardés conseguiu chegar ao descanso cunha mínima vantaxe de dous goles (11-9), pero foi tras o paso polos vestiarios cando as de A Guarda deron un paso adiante.
A intensidade defensiva e a solidez baixo paus permitiron ao Guardés ampliar progresivamente a súa renda e controlar o tramo decisivo do encontro, ante un Porriño que non deixou de loitar ata o final.
O recoñecemento á MVP da final foi para María Palomo, unha das xogadoras destacadas do conxunto campión e protagonista do triunfo do Guardés no primeiro título oficial da tempada.
TUI, PUNTO DE ENCONTRO DO BALONMÁN GALEGO
As catro finais converteron o Pavillón Municipal Gustavo Rodríguez de Tui nun auténtico punto de encontro para o balonmán galego e permitiron vivir unha xornada na que o deporte autonómico foi o gran protagonista.
A xornada serviu tamén para dar o pistoletazo de saída oficial á tempada 2026/27, cunha Copa Galicia e unha Supercopa Galicia que xa teñen novos campións.
Desde a Federación Galega de Balonmán queremos agradecer á Xunta de Galicia e á Deputación de Pontevedra polo seu apoio e implicación, unha vez máis, e ao Concello de Tui e ao Balonmán Tui, pola sua colaboración para facer posible esta gran festa do balonmán galego.
Cangas, Guardés, Cañiza e Teucro xa teñen o seu primeiro título. Comeza oficialmente a tempada 2026/27.



























