Centos de nenos e nenas, familias e afeccionados encheron durante tres días a Praza da Chousa na segunda parada da Copa 5×5 de Balonmán na Rúa Deputación de Pontevedra 2026.
A Copa 5×5 de Balonmán na Rúa Deputación de Pontevedra 2026 pechou este domingo en Poio a súa segunda parada da tempada, despois de tres días nos que a Praza da Chousa se converteu nun gran punto de encontro arredor do balonmán base.
Do venres ao domingo, nenos e nenas das categorías benxamín e alevín foron os grandes protagonistas dunha fin de semana marcada pola competición, a diversión e a convivencia, cunha importante presenza de familias e público ao longo das diferentes xornadas.
UNHA PRAZA CHEA DE BALONMÁN, DEPORTE E FAMILIAS
A segunda sede da Copa 5×5 deixou unha imaxe de participación e ambiente que volveu demostrar a boa acollida que ten este formato entre os nenos, nenas e familias.
A Praza da Chousa viviu durante todo o fin de semana un constante movemento de xogadores, técnicos, familiares e afeccionados, que acompañaron aos máis pequenos nunha competición pensada para desfrutar do balonmán nun espazo aberto e próximo á cidadanía.
A pista mantivo unha intensa actividade durante as tres xornadas, cunha competición que combinou o carácter deportivo coa música, as actividades e o ambiente propio dunha iniciativa que busca que o balonmán saia dos pavillóns e se achegue ás rúas.
A COMPETICIÓN PECHA A SEGUNDA PARADA DO CIRCUÍTO
A xornada do domingo puxo o punto final á competición en Poio coa disputa das semifinais, os encontros polo terceiro e cuarto posto e as finais, antes da correspondente entrega de premios.
Deste xeito, a Copa 5×5 de Balonmán na Rúa Deputación de Pontevedra 2026 completa xa as súas dúas primeiras paradas, despois do paso por Cangas e Poio, mantendo unha proposta que continúa reunindo a numerosos equipos das categorías benxamín e alevín.
O circuíto afronta agora a súa última parada, que terá lugar en Vigo, onde se poñerá o broche final a esta terceira edición.
O APOIO E A COLABORACIÓN DAS INSTITUCIÓNS
A Federación Galega de Balonmán quere agradecer o apoio da Deputación de Pontevedra, fundamental para facer posible unha nova edición da Copa 5×5 de Balonmán na Rúa e continuar levando o balonmán base aos diferentes concellos da provincia.
Do mesmo xeito, a Federación agradece a colaboración do Concello de Poio e a súa implicación no desenvolvemento desta segunda parada, así como o traballo de todas as persoas e entidades que contribuíron á organización da actividade durante estes tres días.
O agradecemento esténdese tamén aos clubs, menos, nenas, familias… así como a todas as persoas que se achegaron á Praza da Chousa para acompañar esta nova cita do balonmán na rúa.
POIO, UNHA NOVA PARADA DUN CIRCUÍTO QUE SEGUE MEDRANDO
A experiencia vivida en Poio volve poñer de manifesto a capacidade da Copa 5×5 para achegar o balonmán ás familias, ocupar os espazos públicos e crear puntos de encontro arredor do deporte base.
Tras Cangas e Poio, o circuíto prepara xa a súa chegada a Vigo, onde a terceira edición da Copa 5×5 de Balonmán na Rúa Deputación de Pontevedra 2026 vivirá a súa última parada.












